Baiona mellora e amplía o Camiño das Chans en Baíña

FOTO: CONCELLO DE BAÍÑA // O alcalde e o concelleiro de Vías e Obras comproban o resultado das obras no Camiño das Chans.

O firme do Camiño das Chans xa está en perfecto estado despois das obras levadas a cabo recentemente polo Concello de Baiona. Trátase dun camiño situado en Fontes, na parroquia de Baíña, que se achaba en mal estado cun grave risco de caída a distinto nivel debido a unha gran taxea ao longo do viario, co consecuente risco que supoñía tanto para viandantes como para os vehículos que por el circulaban.

A actuación consistiu en mellorar o firme dun tramo duns 120 metros lineais e a recollida das pluviais mediante tubaxes de PVC subterráneas, conseguindo un camiño totalmente seguro, cun ancho que permite o estacionamento de vehículos ademais dunha mellor maniobrabilidade no acceso ás vivendas. Tamén se incorporaron dous colectores de lixo máis á zona.

Este foi un dos camiños incluídos para arranxar con carácter urxente dentro do plan do Concello de Baiona para mellorar e acondicionar todas as vías do municipio, dando prioridade ás que presentan maior necesidade. O alcalde e o concelleiro de Vías e Obras expresaron a súa satisfacción por poder realizar esta mellora e aseguraron que o seu compromiso é seguir mellorando o asfaltado de camiños do rural para mellorar a vida diaria dos veciños.