O almeriense Barbero e o tinerfeño Álvarez apostan polo Club Ciclista Rías Baixas

FOTO: CLUB CICLISTA RÍAS BAIXAS // Jose Luis Chamorro, Antonio Barbero, Sergio Álvarez e Javier Díaz.

O renovado persoal do Club Ciclista Rías Baixas reúne talentos de toda España e nese perfil encaixan a súa novena e a súa décima incorporación para a nova tempada. O almeriense Antonio Barbero e o tinerfeño Sergio Álvarez vestirán esta campaña a camisola do proxecto impulsado por José Luis Chamorro. Estes dous corredores de 20 anos xa traballaron ás ordes do director deportivo Iván Rodríguez na concentración que o equipo completou en terras pontevedresas.

Barbero é un ciclista de proxección que pasou pola estrutura da Fundación Contador. Desde entón, militou nas filas do Infisport e do Escribano, outros dous conxuntos punteiros do campo Elite e Sub23. Entre os seus resultados máis destacados sobresae. o segundo posto asinado no Campionato de Andalucía sub23 de contrarreloxo individual (CRI). Polo seu bo rendemento na loita contra o cronómetro, sinala que “o Campionato de España desta especialidade será un dos meus grandes obxectivos neste 2018”.

Pola súa banda, Álvarez regresa á península despois de proclamarse o pasado ano campión de Canarias sub23 defendendo as cores do Loro Parque. Anteriormente, pertencera ao Zalla Golde Team vasco e ao Mutua Levante valenciano. O tinerfeño volve abandonar as illas atraído “pola estrutura e o calendario que ten o Club Ciclista Rías Baixas. É un equipo referente no campo amateur”.

Acompañados polo seu novo presidente, Barbero e Álvarez visitaron as instalacións de Lacados Digoin, un dos principais patrocinadores desta escuadra. Javier Díaz, máximo responsable desta empresa especializada en acabados metálicos, exerceu de anfitrión no Polígono da Granxa.

Con estas dúas caras novas, a lista de reforzos da escuadra do Val Miñor amplíase ata a decena. Durante as últimas semanas xa anunciara as fichaxes de Rafael Pereira, Andrés Abal, Óscar Justo, Adrián Escobar, David Gutiérrez, Jorge González, Francesc Zurita e Cristian Cuervo. A primeira cita da tempada chegará o 25 de febreiro, coa proba inaugural da Copa de España.

Anuncios