Sin categoría

Nigrán reclama a gratuidade da autoestrada do Val Miñor

O goberno de Nigrán remitiu un escrito á Xunta e presentará unha nova moción no Pleno para reclamar a gratuidade da AG-57, a autoestrada que conecta os tres concellos do Val Miñor e Vigo mediante peaxe. Esta vía do Val Miñor, da que o Grupo Itinere ten a concesión ata o ano 2045, ten un custo de 1’10€ no traxecto Baiona-Nigrán, 0’80€ Vincios-A Ramallosa ou 0’35€ Nigrán-A Ramallosa. O goberno de Nigrán retoma agora esta vella reivindicación tras a recente supresión da peaxe de Redondela.

«Somos os grandes esquecidos; Cangas primeiro e Redondela despois acadaron a fin da peaxe, pero a Xunta non considera esta cuestión para o Val Miñor, é un agravio comparativo», sinala o alcalde, Juan González, quen incide en que o feito de que todos os tramos da AG-57 teñan un custe impide que esta funcione como a verdadeira circunvalación que precisa o Val Miñor. «A realidade é que sendo de pago non resulta un viario alternativo nin nos momentos de máxima afluencia na comarca», resume.

O goberno de Nigrán recorda que as circunvalacións das grandes áreas de Galicia son gratis, máxime cando unen cunha gran cidade. «A supresión é algo moi necesario para o día a día dos veciños do Val Miñor, pero é que ademais, no caso de Nigrán, resta competitividade ao Parque Empresarial Porto do Molle e fai que o tráfico de mercadorías discorra habitualmente por estradas convencionais, coa perda de fluidez viaria e diminución de seguridade que leva», sinala González, quen engade que «é a autoestrada que, de xeito máis rápido e directo, conecta o Val Miñor con servizos básicos como o Hospital Álvaro Cunqueiro, a Universidade de Vigo, o Aeroporto de Peinador ou o Parque Tecnolóxico de Valadares. Ir ao hospital ou á Universidade non pode significar para os nosos veciños un plus de desembolso con respecto a outras áreas, son todos servizos básicos aos que se chega en escasos minutos a través da AG-57».

En definitiva, a gratuidade da AG-57 permitiría que se empregase como verdadeira circunvalación beneficiando a toda a veciñanza da comarca, desconxestionaría o tráfico gañando ao tempo en seguridade e contribuiría á competitividade empresarial de toda a área.