Alarma no CEIP Souto-Donas ante o posible desprendemento de parte do tellado

Unha nota do equipo directivo do CEIP Plurilingüe Souto-Donas de Gondomar informa que o tellado correspondente ao bloque 2 de edificación (aulas de 4º, 5º e 6º) ten un peto de coroación que atopa en malas condicións, o que supón un risco inminente xa que poderían desprenderse partes do peto ou todo o conxunto.

Así o indica un informe técnico do arquitecto municipal do Concello de Gondomar, recibido polo centro o pasado venres 26 de xaneiro. Precisamente, o pasado día 23, celebrouse un consello escolar no que un dos puntos da orde do día foi o estado do tellado e do muro dos veciños, xa que segundo indica a nota a concelleira de Educación era coñecedora dos informes do arquitecto.

“De momento tivemos que acoutar nós con cinta o perímetro porque desde o concello non viñeron valar como se lle solicitou á concelleira no consello escolar. Tamén nos dixo que eles sós non acometerán o arranxo do tellado, que terán que facelo conxuntamente coa Consellería”, sinalan desde o colexio.

Finalmente, informan de que isto afectará o funcionamento normal do centro, xa que non se poderá empregar o pavillón pequeno, nin o patio de educación infantil, nin o patio cuberto, e as gardas do alumnado transportado faranse no ximnasio novo.