Sin categoría

A aplicación turística de Gondomar rexistrou máis de 20.000 visitas en cinco meses

O Concello de Gondomar puxo en marcha no mes de agosto de 2017 unha aplicación para móbil, tablet ou ordenador, que recolle máis de 70 rexistros turísticos, estruturados en seis grandes eixos: Arquitectura Civil, Arquitectura Relixiosa, Espazos Naturais, Arqueoloxía, Roteiros , e Festas e tradicións.

Entre o 1 de agosto de o 31 de decembro rexistrou máis de 20.000 entradas, o que segundo o concelleiro de Turismo e Comercio, Xosé Antón Araúxo, constata a utilidade da aplicación, “que pretende iluminar moitos dos atractivos do Concello de Gondomar, que ata agora estiveron sumidos nas tebras da invisibilidade”.

Máis do 90% das entradas chegaron desde a Península Ibérica, pero os datos estatísticos demostran que hai que incidir na proxección exterior do concello. “Hai reseñas moi sorprendentes, como que no Top-10 de países que se adentraron na páxina do noso concello figuren países exóticos como Corea do Sur ou China, con 100 visitas entre ambos os dous países asiáticos”, destaca Araúxo.

“Tamén resulta rechamante que o segundo país que máis entradas rexistra sexa EEUU, cos que non temos especiais vínculos sociais, económicos ou migratorios, pero que albiscan un interesante nicho de mercado turístico”.

Mais previsible para o concelleiro de Turismo era que entre os países de América, tanto Uruguai como Arxentina, figurasen á cabeza, xa que a estes dous países sudamericanos chegou moita emigración do Val Miñor, especialmente de Gondomar. “As estatísticas nos mostran que temos que enfocar con máis intensidade a nosa acción turística nestes países”.

O crecente interese europeo polo turismo verde, tamén aparece reflectido coa presenza de países como Francia, Reino Unido ou Alemaña.

A Concellería de Turismo ten programadas novas actuacións en soporte dixital e visual para incidir na visibilidade de Gondomar no exterior.

A aplicación

A aplicación, dispoñible en galego, castelán e inglés, recolle unha das máis completas catalogacións de Galicia: Pazos, petróglifos, igrexas románicas, pontes románicas, Serra do Galiñeiro, castros, vistas panorámicas, curros, Corpus, festas gastronómicas… Todos eles son enumerados, localizados e documentados.

Un dos principais activos desta ferramenta é a xeolocalización de todos os puntos de interese turístico, de tal xeito que o usuario poderá coñecer instantaneamente a distancia, o tempo, e a ruta de cada recorrido (a pé, en bicicleta ou en coche) a cada un dos elementos recollidos no catálogo. Pudendo usarse, tamén, o móbil como GPS que nos leve ata o punto turístico elixido.

No exhaustivo documentado traballo de recolección colaboraron activamente tanto Patricia Costas Collazo, Técnica de Turismo, facilitada pola Deputación de Pontevedra, como Daniel Rodríguez Estévez, alumno do IES Terra de Turonio, grazas ao convenio asinado co Ciclo de Actividades Físico Deportivas no Medio Natural.

Para axudar aos potenciais visitantes esta aplicación tamén identifica puntos do comercio e hostalería local que responden a tres preguntas: Onde comer? Onde durmir? Onde mercar?.

Por último non faltan os teléfonos de interese máis socorridos.