O alcalde de Nigrán visita no Cemma a “Guardesiña”

O alcalde de Nigrán, Juan González, visitou hoxe a “Guardesiña”, a foca gris que varou no porto de A Guarda hai pouco máis dunha semana en moi mal estado e que se atopa recuperándose na UCI do CEMMA (Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños) en Nigrán. O animal, de aproximadamente tres meses e que nun principio se deu por macho, é femia e evoluciona favorablemente tras realizar unha travesía de miles de quilómetros. «Xa se alimenta de xarda tres veces ao día e pesa actualmente 15 kg, un máis de cando chegou», explican dende o CEMMA, onde o obxectivo é, trala súa recuperación, devolvela ás costas de Irlanda na Primavera.

«Ás veces só somos conscientes do que significa o CEMMA cando ocorren fitos como este, pero se trata dunha entidade de referencia que traballa arreo todo o ano polos animais mariños; para Nigrán é un orgullo que teñan aquí a súa sede. Dende o Concello aproveitamos esta ocasión para recoñecer o seu labor e agradecer o seu traballo», sinala o alcalde, Juan González.