Ferreira móstrase molesto pola gravación de MasterChef centrada en Nigrán

O alcalde de Gondomar e actual presidente da Mancomunidade de Concellos do Val Miñor, Paco Ferreira, mostrouse este xoves molesto por non ser convidado o mércores á gravación do programa MasterChef, realizada no Parador de Baiona, e na que participaron 120 comensais, a maioría veciños das parroquias nigranesas de Chandebrito e Camos, como homenaxe tras os incendios forestais sufridos o pasado 15 de outubro.

Tamén asistiu o alcalde de Nigrán, Juan González, acompañado por membros do seu goberno, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. “Que MasterChef España onte estivese a gravar o seu programa na Mancomunidade do Val Miñor e que o presidente da mesma e alcalde de Gondomar nin foi convidado o acto é unha falta de respecto”, sinala Ferreira.

Ademais, reprocha a participación de alumnos do Obradoiro de Emprego Terras do Miñor, xestionado pola Mancomunidade, e afectados polos incendios de Nigrán, “coma se en Gondomar e Baiona non houbese afectados tamén”. “Paréceme unha verdadeira falta de respecto cara aos demais veciños da comarca e unha deslealdade institucional, sen parangón, por parte dos organizadores do acto”.

Nuria Lameiro, como concelleira e membro da Mancomunidade do Val Miñor, pregúntase quen organizou o acto, “no cal participaban os alumnos dun Obradoiro noso, e por que aos veciños de Gondomar non se nos informou do mesmo”.