Gondomar e o seu homónimo portugués estreitan lazos baixo a choiva

FOTO: CÁMARA MUNICIPAL DE GONDOMAR // A Rondalla de Chaín desfilando polas rúas de Gondomar (Portugal).

Nin o orballo desanimou aos gondomareños españois e portugueses. As dúas rondallas de Gondomar desfilaron este sábado polas principais rúas do Gondomar portugués, no marco do irmandamento existente entre os dous municipios homónimos, Gondomar, de Pontevedra, España, e Gondomar, de Porto, Portugal.

Máis de dous centenares de persoas da Rondalla da Asociación de Veciños Galiñeiro de Vincios e da Rondalla do Centro Cultural A Merced de Chaín desafiaron á choiva nun desfile que demostrou, se houbese algunha dúbida, que os dous pobos teñen as mesmas raíces históricas, atribuídas ao rei visigodo Gundemaro.

Despois de anos de suspensión, por opción política dos dirixentes de entón, Gondomar (España) e Gondomar (Portugal) retomaron o ano pasado o protocolo de irmandamento e, onte, reafirmaron os lazos que os une, identitarios, culturais, deportivos e, ata, de afinidade xeográfica, entre Galicia e o Norte de Portugal.

A comitiva encabezada polo alcalde, Paco Ferreira, e os concelleiros Nuria Lameiro, Iria Lamas, e Jose Manuel Chamorro, foi recibida polo Presidente da Cámara Municipal, Marco Martíns, que entregou ao rexedor miñorán e aos representantes das dúas rondallas un detalle conmemorativo.