Baiona presenta en Fitur o 525 aniversario da arribada da Carabela Pinta

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Presentación do 525 aniversario da Arribada en Fitur.

O Alcalde de Baiona, Ángel Rodal, arroupado pola Concelleira de Turismo, Beatriz González, e a Directora Xeral de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou este xoves en Fitur a importante efeméride que se celebrará na Vila durante o ano 2018: o 525 aniversario da chegada da Carabela Pinta a este porto.

O Concello está a traballar nunha programación de actividades que, durante 6 meses, promocionará este feito que pon en valor a importancia histórica da Vila: desde ciclos de conferencias, música, actividades náuticas, etc., e que terá como prato forte a celebración da 23ª edición da Festa da Arribada, que será os días 2, 3 e 4 de marzo deste ano.

Durante a presentación, que contou con gran afluencia de público, proxectouse o vídeo promocional que será o eixo central da promoción desta edición da festa, declarada de Interese Turístico Internacional.

Entre os asistentes, ademais dos xa mencionados, atopábase o Delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, o Deputado Provincial de Turismo, Santos Héctor, o presidente de Aceba, Marcos Comesaña, así como diversos restauradores e hostaleiros de Baiona, representantes das Villas Marineras, ademais de visitantes ilustres da Vila, fincados en Madrid, como a actriz María Castro, o compositor Julio Mengod, que teñen a súa segunda residencia na Vila, o fillo do historiador e xurista xa falecido, Vicente Sierra Ponce de León, entre outros.

Durante os cinco días de duración da feira, a oferta turística de Baiona estará presente na caseta de Galicia, a través do material promocional facilitado polo Departamento de Turismo. Tanto o Alcalde como a Concelleira puideron apreciar, durante a súa estancia alí, o gran interese que esperta Baiona na capital de España.

Anuncios