A Xunta suprimirá treitos de concentración de accidentes na PO-552 ao seu paso por Nigrán

FOTO: XUNTA DE GALICIA // Rolda de prensa de Ethel Vázquez.

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López Chaves, presentou hoxe os tres proxectos de supresión dos cinco tramos de concentración de accidentes na estrada PO-552, ao seu paso por Vigo e Nigrán, que se licitarán no 2º semestre de 2018 cun investimento duns 2 millóns de euros.

Vázquez Mourelle explicou que se está a avanzar na tramitación necesaria nos tres proxectos para a eliminación destes TCAs, polo que a próxima semana se someterán a información pública os documentos correspondentes a dous deles: o treito de concentración de accidentes comprendido entre Saiáns e a intersección de Priegue e o localizado desde as inmediacións da glorieta da AG-57 ata Sabarís, pasando pola Ramalllosa. Concretou que na 1ª quincena de febreiro tamén se someterá a informacón pública o documento do proxecto correspondente ao TCA da estrada de Camposancos, en Vigo.

Estas actuacións están enmarcadas na estratexia do Goberno galego para ter eliminados en 2020 todos os treitos de concentración de accidentes nas estradas autonómicas. Na área de Vigo, a iniciativa contempla 12 obras para suprimir os 18 puntos negros cun investimento que rolda os 5,5 M€.

A PO-552 é unha das estradas máis importantes desta zona, xa que une os concellos de Vigo, Nigrán e Baiona e chega, pola costa ata A Guarda. É unha vía que rexistra unha alta intensidade de tráfico, superior aos 20.000 vehículos ao día nalgún dos seus treitos e atravesa numerosos núcleos de poboación, concentrando nas súas marxes unha intensa actividade comercial e de servizos.

Vázquez Mourelle explicou que a Xunta considera especialmente importante levar a cabo os traballos necesarios para eliminar os puntos de concentración de accidentes existentes e reducir así a sinistralidade viaria. Neste sentido, os proxectos programados prevén a execución de glorietas, mellora de interseccións e accesos, rectificacións de ramais, reordenación de xiros e construción de carrís centrais de espera.

Para a eliminación dos TCAs da PO-552 de Nigrán e de Vigo o Executivo autonómico vai construír 6 rotondas, mellorar 20 interseccións e accesos e protexer 22 pasos de peóns, xa que son treitos urbanos, con presenza continua de persoas transitando ao carón da vía.

Estes traballos están coordinados e veranse complementados con outras actuacións no marco do Plan de Sendas de Galicia, que tamén incidirán no incremento da seguridade viaria desta estrada. Trátase dos tres itinerarios peonís e ciclistas nesta mesma PO-552 que xa están en execución.

A Xunta continúa coa aposta por reforzar a seguridade viaria nas estradas de titularidade autonómica para conseguir o obxectivo de reducir nun 50% as vítimas mortais.