A Deputación rematará a consolidación da ladeira do monte en Camos a vindeira semana

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA // Traballos na estrada EP-2102.

A Deputación de Pontevedra rematará a vindeira semana a consolidación da ladeira do monte que linda coa estrada provincial EP-2102 no lugar de Camos en Nigrán. Segundo explicou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, o novo noiro retranqueado permitirá dispoñer de xeito inmediato dunha franxa de seguridade de dez metros entre a ladeira e a estrada, de xeito que as augas de escorrentía e as rochas arrastradas dende Chandebrito non caian directamente na vía, permitindo un tránsito rodado seguro.

Os traballos da Deputación en Nigrán iniciáronse por vía de urxencia despois do temporal “Ana” e pretendían, nun primeiro momento, canalizar as augas que non filtraban no monte queimado e asolagaban dúas vivendas do barrio dos Piñeiros (no punto quilométrico 4+000) tras pasar a estrada provincial. A intención era crear un novo colector e unha gabia revestida cun custe estimado de 6.000 euros.

Sen embargo, a medida que se desenvolvían as obras, os técnicos do departamento de Mobilidade (responsable da rede viaria da Deputación) comprobaron que a situación era moito máis complexa, xa que a continua baixada de auga e pedra pola mala situación do monte queimado tamén estaba a desestabilizar a ladeira, con importante risco de caída na estrada provincial.

Constatada a importancia da situación, iniciouse un novo expediente vía urxencia valorado en 30.000 euros para dar solución á incidencia. O obxectivo do novo contrato consiste en retranquear a ladeira do monte, retirando as árbores e rochas existentes no borde e neutralizala nun novo noiro estable sen perigo de caída, permitindo tamén unha franxa de seguridade para a plataforma viaria. Estes traballos finalizarán, segundo os técnicos provinciais, a vindeira semana. Será entón cando os técnicos valorarán a conveniencia de construír un muro de contención.

En canto ás canalizacións de augas que baixan do monte, os proxectistas están a estudar a mellor maneira de dirixir as augas de escorrentía para que non provoquen danos nas vivendas do barrio de Piñeiros. Destacan a necesidade urxente e fundamental de rexenerar o monte en orixe para evitar as baixadas de lameiras e rochas. En calquera caso, estase a localizar unha obra de drenaxe xa existente que pode estar soterrada e que, de habilitarse, solucionaría unha parte do problema. De non atoparse esta canalización, deberá executarse un colector de nova creación. Os técnicos tamén consideran necesario que o Concello habilite as correspondentes canalizacións polos camiños municipais, xa que ao dividir as augas de monte arriba a cantidade que chega a cada punto será menor.