Nigrán acolle o domingo a concentración baby basket

FOTO: CB NIGRÁN // Equipo baby do CB Nigrán.

Nigrán acollerá este fin de semana a III Concentración Baby organizada pola Federación Galega de Baloncesto en colaboración cos diferentes clubs que participan nesta competición. Trátase dun convenio entre a Federación Galega e os clubs cuxo principal obxectivo é fomentar a práctica do baloncesto entre os máis novos. En cada convocatoria a concentración realízase en dúas sedes diferentes nas que se habilitan tres pistas de xogo para que todos os equipos con xogadores e xogadoras en categoría baby (5 a 7 anos) poidan disputar diferentes partidos.

Este fin de semana unha das sedes é Nigrán e terá lugar o domingo no CPI de Panxón a partir das dez da mañá. Un total de 9 equipos pertencentes aos Clubs Celta, Salesianos, Novobasket, Miraba, Amor de Dios e CB Nigrán, rotarán polas 3 pistas de xogo. En total espérase a presenza duns 90 xogadores que gozarán dunha xornada lúdico deportiva.

Ao finalizar a xornada entregarase a cada xogador participante unha bolsa con bocadillo, auga e froita e realizarase a foto de grupo.