Aberto o prazo de inscrición para participar na III Regata Solar Marine Instruments

FOTO: PEPE COSTAS // II Regata Solar Marine Instruments.

A empresa Marine Instruments, con sede no polígono empresarial de Porto do Molle, en Nigrán, organiza a III edición da Regata Solar, que se celebrará o 23 de xuño en Baiona, dirixida aos Centros de Formación de Educación Secundaria e de Formación Profesional para apoiar e fomentar o desenvolvemento da innovación tecnolóxica entre os estudantes, así como apoiar o espírito de innovación e creatividade.

Nesta terceira edición, Marine Instruments introduce unha nova categoría aberta ao público en xeral para aquelas persoas fóra do ámbito educativo, a Categoría Open, coa que se pretende que persoas entusiastas da tecnoloxía e con interese pola sustentabilidade enerxética poidan achegar o seu coñecemento e compartilo cos profesionais do futuro.

As embarcacións solares de radio control participantes dividiranse en tres categorías: Educación Secundaria, Formación Profesional e Open. A única enerxía utilizada será exclusivamente a enerxía solar xerada polo panel oficial de 100 W durante o tempo de competición, estando prohibido o uso de calquera tipo de batería, con excepción dunha pequena para alimentar o receptor de radio control.

Para que todas as embarcacións poidan competir en igualdade de condicións Marine Instruments entregará o panel solar oficial da competición e o pack de 4 baterías AAA. Ademais, os participantes das Categorías Formación Profesional e Educación Secundaria recibirán o equipamento básico para a construción da embarcación e ata 100€ extra para a compra de material e mellora da mesma.

Os de Categoría Open recibirán o panel solar oficial e o pack de 4 baterías AAA baixo unha fianza de 150€. Para recuperar a fianza deberase construír a embarcación e participar na regata. Unha vez terminada a competición, o material entregado quedará baixo propiedade do equipo participante e reembolsarase o importe da fianza.

O xurado, composto por Francisco Pino, Director de I+D, Bruno Lema, Responsable Área Hardware, Jaime Prado, Enxeñeiro Hardware, Fidel Fraga, Enxeñeiro Hardware e Alberto Novoa, Enxeñeiro Hardware e algún invitado, valorará a orixinalidade, o desenvolvemento tecnolóxico, a eficiencia do deseño e en definitiva a innovación do proxecto presentado.

O obxectivo é apoiar aos Centros Formativos a incentivar a curiosidade dos alumnos e promover os seus primeiros pasos no mundo tecnolóxico desde idades temperás. Todas as candidaturas remitiranse a través do formulario habilitado para ese efecto na web do concurso www.regatasolar.org.

O número máximo de participantes por cada equipo é de 10 persoas. No caso dos colexios, os profesores ou titores non contan como membros do equipo. Nas categorías de Formación Profesional e Educación Secundaria aceptaranse soamente aos primeiros 40 equipos (entre as dúas categorías) que envíen o formulario de inscrición, cun máximo de 2 equipos por centro ou colexio.

Para a categoría Open pecharanse as inscricións despois de recibir os 10 primeiros equipos que deberán ademais superar correctamente un sinxelo cuestionario.

O prazo de admisión das candidaturas terminará cando se cubran todas as prazas.

Concederanse dous premios á eficiencia e un premio ao deseño nas Categorías Educación Secundaria e Formación Profesional, e tres premios á eficiencia valorados en 300€, 200€ e 100€ na Categoría Open.