Anuncios
Ticker de novas

Nigrán Decide propón un suplemento para o persoal do Concello que cobra o salario mínimo

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // O Grupo Municipal de Nigrán Decide nunha sesión plenaria.

Nigrán Decide, cumprindo co seu programa electoral, presentou unha emenda ás bases de execución orzamentaria do borrador dos orzamentos do Concello de Nigrán do ano 2018 para suplementar o salario do persoal do Concello que cobra o salario mínimo.

Cómpre destacar que nas bases das subvencións do Plan Concellos establécese que na contratación de persoal desempregado, inscrito no servizo público de emprego no Plan Concellos, segundo se indica nas súas bases, debe respectarse a debida adecuación salarial á cualificación profesional dos postos que se van cubrir.

Nigrán Decide considera que o Salario Mínimo Interprofesional non é adecuado para ningún posto de traballo polo que, na emenda que presenta, establécese que en ningún caso o persoal do Concello con xornada completa poida cobrar menos de 13.863,78 euros anuais, o que supón algo menos de 1.000 euros mensuais. Con esta medida, no Concello de Nigrán cumpriríase a Carta Social Europea, que establece que o salario mínimo non debería ser inferior ao 60% do salario medio.

“Tanto durante o anterior mandato do Partido Popular, como neste do PSOE o persoal que se contrata a través das subvencións da Deputación cobra o salario mínimo, polo que o noso grupo municipal propuxo dignificar o seu salario”, sinala José Cuevas, voceiro de Nigrán Decide, para continuar indicando que “a pesar de estar na memoria da Alcaldía dos orzamentos dos anos 2016 e o prorrogado do ano 2017, o actual goberno non fixo nada para cumprir este compromiso”.

“Este último feito obríganos a incluír esta emenda, que está aberta á negociación co resto dos grupos, nas bases de execución orzamentaria para que sexa de obrigado cumprimento”, finaliza Cuevas.

Anuncios