Baiona ofrece 9 tapas da época do Pergamiño Vindel

A Xunta de Galicia pon en marcha en varias localidades da Ría de Vigo “VindeTapas, As Cociñas do Pergamiño Vindel”, un concurso de tapas para divulgar entre a cidadanía o valor único do Pergamiño. A ruta está incluída na programación de actividades promovidas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Cultura.

Un dos municipios participantes é Baiona, onde o concurso arranca hoxe venres e termina o domingo 21. O horario para gozar das tapas é de 12:00 a 14:00 e de 19:00 a 22:00 horas, aínda que se os establecementos desexan ofrecer tapas fóra deste horario son libres de facelo. O prezo das tapas é de 2,50€.

Todas as tapas están elaboradas exclusivamente con ingredientes propios dos séculos XIII e XIV (época do Pergamiño) quedando excluídos alimentos que chegaron despois do descubrimento de América por exemplo pataca, millo, tomate, cacao, pemento, cacahuete, cabaza, piña, aguacate, yuca, batata ou pavo.

Son 9 os establecementos que participan na iniciativa, coas tapas “El petate de Colón” (Central Park), “Tosta gastrobar” (A Queimada), “Judías!” (La Micro), “Companagio de cordero sobre rodea de avena” (Ecoadega), “Pan-tajo” (Parador), “Escabeche ahumado de ave de corral” (La Crep), “Sardiña afumada con confitura de cirola” (O Recuncho do Mariñeiro), “Codorniz cortesana” (A Taberna a de Sabas) e “Oreja con coles” (Restaurante Monterrey).

Todos aqueles comensais que proben algunha das creacións e cubran a papeleta correspondente coa súa puntuación participarán no sorteo dunha cea para dúas persoas en Taberna A de Liño (Moaña), un circuíto termal para dúas persoas en Talaso Atlántico (Oia), unha cea para dúas persoas en Talaso Atlántico (Oia), dous lotes de Galicia Calidade, un lote Nordesía Vermú e un lote Vía Romana.

Os que completen o pasaporte, degustando todas as tapas participantes, optarán aos seguintes premios: unha noite para dúas persoas nun establecemento de Galicia Calidade, un fin de semana en Talaso Atlántico (Oia) e unha noite para dúas persoas en Cabana da Fraga de Liño, con capacidade para 4 persoas (Moaña). O pasaporte deberá depositarse na caixa de correos de calquera dos locais da ruta.