O encoro de Baíña pasa do 60,28% ao 93,56% nunha semana

FOTO: PEPE COSTAS // Encoro de Baíña.

As chuvias dos últimos días deron o último empurrón para a recuperación case total do encoro de Baíña. O pasado 1 de xaneiro atopábase ao 60,28% da súa capacidade, e unha semana despois sitúase no 93,56%. Así se recolle no último boletín hidrolóxico no que se sinalan os datos da evolución dos recursos hídricos na Demarcación Galicia-Costa, recollidos a 8 de xaneiro, e no que se indica que os 19 encoros de Galicia-Costa contan cun volume total de encorado de 439,57 Hm3, dos 690,15 (volume total).

Os encoros da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, administrados por Augas de Galicia, atópanse ao 63,69 por cento da súa capacidade total. Concretamente, os de abastecemento, ao 74,15 por cento, e os de uso hidroeléctrico ou industrial, ao 62,63 por cento.

A presa de abastecemento de Pontillón de Castro é a que presenta a maior porcentaxe de volume encorado, un 99,36%, seguido dos encoros de Baiona, cun 93,56%, Vilagarcía, cun 87,97%, Eiras, cun 81,94% e Forcadas, cun 80,43%. Pechan a lista os encoros de Zamáns (70,50%), Caldas de Reis (69,66%), Beche (65,17%) e Cecebre (61,82%).

No que se refire ás bacías destinadas ao consumo hidroeléctrico, o encoro de Eume é o que presenta o maior porcentaxe de ocupación, cun 100%. Comparando a situación actual cos niveis que se rexistraban o pasado ano, o volume dos encoros sitúase un 16,87 por cento por encima, xa que o 9 de xaneiro de 2017 estaban ao 46,82 por cento, fronte ao 63,69 por cento actual.

Anuncios