Gondomar implanta o sistema de automatización en tres estacións de bombeo

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR // Obras no CDL.

No que vai de mandato, o actual equipo de goberno levou o servizo de saneamento aos barrios de distintas parroquias do termo municipal de Gondomar, tales como Vilaza, Chaín e Peitieiros. As obras realizadas constan da implantación da automatización neste servizo mediante o sistema de telexestión, así como a reparación dos bombeos. Investimentos todos eles subvencionadas pola Deputación de Pontevedra con cargo aos fondos do Plan Concellos.

Tamén se realizaron actuacións dentro do propio centro urbano, en rúas como Eduardo Iglesias e Emigrante. A maiores, hai que apuntar as obras de saneamento no Centro de Desenvolvemento Local que a finais desta semana quedarán finalizadas, e destacar a importancia das mesmas, dada a afluencia diaria de centos de usuarios a eses tres edificios para realizar actividades de índole cultural, deportiva, lúdica ou de formación entre outras.

Todas estas actuacións e outras moitas, seguiranse levando adiante no curto e medio prazo, co obxectivo de facer chegar o servizo de saneamento a cada recuncho de Gondomar. En palabras do alcalde, Paco Ferreira, “o saneamento é unha prioridade para este goberno, por iso é polo que se están elaborando estes proxectos. No noso concello perdeuse unha oportunidade valiosa de seguir avanzando neste tipo de infraestruturas cando realmente había fondos para iso. Hoxe en día, os recursos son escasos e o termo municipal moi extenso. Atopámonos á nosa chegada cunha situación nefasta, á que hai que engadir, non sen restar importancia, a débeda herdada con Augas de Galicia no ano 2007, por incorrer na falta de pagamento da parte proporcional dunhas obras de investimento conxunto, que ascendía a medio millón de euros, e á que tivemos que facer fronte dez anos despois, no 2017, mediante un sistema de pagos aprazados, e que por propia responsabilidade asumimos, xa que era imprescindible afrontala para poder seguir accedendo ao sistema de axudas e subvencións da Xunta de Galicia, que establece como requisito que se estea ao corrente de pago coas administracións”.