Sin categoría

As depuradoras de Nigrán e Gondomar serán sometidas a estudo no proxecto Aqualitrans

Mellorar a eficiencia do proceso de depuración de augas residuais nas EDAR (Estación Depuradora de Augas Residuais) é o obxectivo do proxecto de cooperación transfronteiriza AQUALITRANS.

Unha iniciativa que conta cun orzamento total de 954.000 euros e desenvólvese no marco do Programa Interreg V-A España-Portugal 2014-2020 (POCTEP) mediante a colaboración entre Augas de Galicia, o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), a Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), Águas do Municipio do Porto e o Instituto de Ciência e Inovaçao em Engenharia Mecânica e Engenharia Industrial (INEGI).

O compromiso compartido de conseguir un modelo enerxético eficiente e sustentable para as EDAR, co que contribuír aos obxectivos de desenvolvemento sustentable e protección ambiental aos que aspiran España e Portugal, permitiu axuntar as capacidades e coñecemento destas entidades. Asegurar en todo momento a calidade da auga tratada, lograr mellores rendementos de depuración, menores consumos enerxéticos, reducir as emisións de CO2, e reducir os problemas durante o proceso, son as pautas que guiarán todos os traballos.

Depuradoras seleccionadas

Nunha primeira fase, realizarase un estudo de investigación sobre o consumo enerxético en 20 depuradoras de Galicia e o norte de Portugal. As 10 estacións depuradoras galegas elixidas para o estudo de investigación son A Pobra, Ares, Cedeira e Ortigueira (provincia da Coruña); Ribadeo (Lugo); Nigrán, Gondomar, Arcade, Vilaboa e Tomiño (Pontevedra).

Por parte de Portugal estudaranse as situadas nos municipios de Porto (Freixo e Sobreiras), Barcelos, Vila Real, Lousada (Sousa), Amarante (Ponche de Baia), Vila do Conde (Ave), Guimarães (Serzedo), Lamego e Vila Verde (Cávado Homem). Posteriormente realizaranse tres proxectos piloto nas depuradoras analizadas. Dous destes pilotos serán en Galicia e outro en Portugal.