Galicia mantense como líder nacional en produción de kiwi

Galicia mantense como principal área produtora de kiwi de España, con máis de 16.000 toneladas anuais. A estimación de superficie cultivada rolda as 700 hectáreas, contabilizando tanto os produtores profesionais como aqueles que se dedican a esta actividade de xeito complementario.

Na nosa comunidade hai rexistradas actualmente un total de 87 explotacións dedicadas ao cultivo de kiwi, amorodo e arando. A maior parte delas (48) corresponden ao kiwi e séguenlle en importancia as de amorodo, con 27 cultivos censados e, por último, as de arando, con 12 en total. Por provincias, este tipo de producións localízanse claramente na fachada atlántica, máis favorable á súa expansión polas condicións climáticas. Así, na Coruña rexístranse un total de 39 cultivos e en Pontevedra outros 36, mentres que en Lugo só hai constancia de 7 e en Ourense apenas 5.

Nesta mesma liña, o caso do kiwi é paradigmático. Pontevedra acumula ata 27 explotacións, o 56,2% do total galego, e A Coruña conta con outras 16 (o 33,3%), mentres que Lugo só ten 5 e Ourense non dispón de ningunha. Así pois, as provincias atlánticas concentran case o 90% dos rexistros. O cultivo do kiwi iníciase en España no ano 1969, localizándose as primeiras plantacións en Galicia, máis concretamente nas zonas de Gondomar e Tui. Na nosa comunidade funcionan hoxe en día dúas organizacións profesionais de froitas e hortalizas (Horsal e Kiwi Atlántico), recoñecidas legalmente desde os anos 2009 e 2012, respectivamente. Ambas teñen a súa sede na provincia pontevedresa.

Arandos

No caso dos arandos sobresae a explotación de Horticina, situada no concello coruñés de Cerdido. Constituída no ano 2001, esta empresa, que recibiu unha axuda de 250.000 euros de Medio Rural para mellorar as súas instalacións, conta actualmente con 23 postos de traballo, que conforman o seu cadro de persoal durante todo o ano.

Pero, ademais, estiman que o total de traballadores contratados ao longo do ano 2017 situouse preto dos 200 e as previsións para a colleita de 2019 chegan ata os 1.200 empregados, a pleno rendemento. En canto á produción, a superficie que posúe actualmente ocupa 95 hectáreas, cun total de 320.000 plantas. As súas previsións cífranse en chegar ao millón e medio de quilos de arandos no horizonte de 2018-2019.