ViaGalicia celebra en Porto do Molle o StartupDay coa participación de 80 emprendedores

FOTO: XUNTA DE GALICIA // ViaGalicia celebra o StartupDay en Porto do Molle.

ViaGalicia inicia unha nova fase do programa de aceleración impulsado polo Consorcio Zona Franca de Vigo e a Xunta de Galicia tras a celebración, hoxe, do StartupDay no Parque Empresarial de Porto do Molle. Nesta xornada, os corenta proxectos seleccionados para a sede de Vigo puideron demostrar as súas habilidades e competencias ante o equipo evaluador. A sede de ViaGalicia en Lugo celebrará tamén o seu correspondente StartupDay o vindeiro xoves, no que participarán os trinta proxectos seleccionados para esta provincia.

Durante a xornada, inaugurada por Teresa Pedrosa, delegada do Estado no Consorcio Zona Franca de Vigo, e Juan Cividanes, director do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), os emprendedores seleccionados entre os máis de 200 proxectos presentados á quinta convocatoria realizaron diferentes exercicios e dinámicas co obxectivo de que o Comité Técnico comprobe de primeira man algunhas capacidades fundamentais para o impulso de proxectos de emprendemento, como o liderado, a creatividade, o traballo en equipo ou a capacidade de negociación.

Tras a celebración de ambas as dúas xornadas, seleccionaranse ata un máximo de 40 proxectos que pasarán á fase de Academia (20 iniciativas por cada sede -Lugo e Vigo-), etapa na que os emprendedores coñecerán as ferramentas necesarias para definir o seu modelo de negocio e mellorar as súas propostas de valor. A selección das iniciativas empresariais que pasarán á seguinte fase daranse a coñecer a próxima semana.

Cun orzamento de 2,65 millóns de euros para a súa quinta convocatoria, ViaGalicia apoia con este programa de aceleración a proxectos de negocio a través de formación, asesoramento, mentoring, coworking e financiamento. Deste xeito, poderán obter ata 125.000 euros en axudas directas e de capital risco.

Sobre ViaGalicia

ViaGalicia é unha aceleradora impulsada polo Consorcio da Zona Franca de Vigo e a Xunta de Galicia, cuxo obxectivo é apostar por proxectos innovadores, acelerables e invertibles a través da súa participación nun amplo programa de formación, mentoring, coworking e financiamento. Desde a súa posta en marcha en 2013 e ata a súa cuarta edición, ViaGalicia, con 6 millóns de euros de investimento, recibiu máis de 876 propostas de negocio, impulsando máis de 120 proxectos, dos que máis de 52 convertéronse en empresas, e xerando máis de 267 empregos novos.

Anuncios