É tempo de Rondallas e cada ano cada unha elas deseñan e preparan durante meses o repertorio co que participarán nos diferentes encontros ou certames que se celebran durante a época de Nadal.
Algunhas prefiren ser máis tradicionais, outras sen embargo buscan sempre innovar. Un exemplo disto último é a Rondalla do Centro Cultural “A Merced” de Chaín, que comezou a súa andaina nos anos 80, e despois de pasar por diferentes etapas ao longo da súa historia, chega á actualidade con máis forzas e entusiasmo que nunca.
Desde o ano 2015 está a cargo da dirección o novísimo Daniel González Troncoso, que lle transmite á formación todo o seu entusiasmo e dinamismo, buscando sempre maneiras de non caer na monotonía. Os 80 rondalleiros de entre os 8 e os 75 anos que a compoñen acoden aos ensaios durante catro meses para poder mostrar o seu traballo nestas datas.
O seu repertorio deste ano está formado por temas archiconocidos dos anos 70 e 80. Interpretan “Vivir así es morir de amor”, de Camilo Sesto, un mix de temas de Mecano, con “Me colé en una fiesta”, “Maquillaje” e “Una rosa es una rosa”, e outro dos Pallasos da Tele, con “Había una vez un circo”, “Hola don Pepito”, “La gallina Turuleca”, “ Susanita tiene un ratón” e “Cucú cantaba la rana”.
Para rematar ofrecen a súa versión da “Global Muiñeira”, o tema do último anuncio de Gadis, que conta a historia de dous teimudos perdidos que se empeñan en que todo o planeta baile muiñeira. “Todo galego debería saber polo menos 5 pasos de muiñeira”, é un dos lemas da campaña.
Se ata hai uns anos só ofrecían actuacións pola contorna, acudindo todos os anos ao Certames de Rondallas de Gondomar e Vigo, e participando en Cabalgatas ou facendo pasarrúas polos municipios veciños, no ano 2016 decidiron cambiar a maneira de afrontar a breve duración desta actividade propoñéndose saír por toda Galicia para dar a coñecer este tipo de formacións típicas do sur da provincia de Pontevedra.
Foi no ano 2016 cando tocaron en Sobrado dos Monxes e Guitiriz, e este ano percorreron Ribadavia, Chantada e Pontevedra, sendo acollidos con moito éxito por parte do público e dos organizadores.
Este sábado triunfaron en casa
A actuación da Rondalla do Centro Cultural “A Merced” de Chaín no tradicional Encontro de Rondallas de Gondomar foi unha das máis destacadas e aplaudidas. Tanto gustou que ao terminar oíase entre o público “outra… outra” e tiveron que facer un “bis”, repetindo a “Global Muiñeira”, pero esta vez, coa participación de decenas de bailaríns espontáneos, incluída a concelleira de Cultura, Nuria Lameiro, converténdose en todo un “flash mob”.

