Máis de 800 rondalleiros desfilan polas rúas de Gondomar

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // A Rondalla de Beade no Encontro de Rondallas de Gondomar.

Gondomar pechou este sábado a súa programación cultural de Nadal coa celebración do tradicional Encontro de Rondallas de Reis, que cumpre xa a súa trixésimo sexta edición. Contou coa participación de 11 Rondallas, 9 delas abandeiradas, catro procedentes de Vigo, tres de Mos, outras dúas procedentes de Centros Culturais de Gondomar, unha do Porriño e unha de Nigrán.

Así, durante case cinco horas, as Rondallas de Santiago de Guizán, San Mamede de Zamáns, Valladares, Beade, Galiñeiro de Vincios, A Merced de Chaín, Herville, Santa Eulalia de Mos, Pontellas, Santiago de Parada e Freixo encheron de cor e música as rúas da vila condal.

Unha a unha fóronse formando na Avda. Eduardo Iglesias para posteriormente desfilar ata o Concello, onde despois de saudar ao alcalde, Francisco Ferreira, e os concelleiros Nuria Lameiro, Iria Lamas e Jose Manuel Chamorro, e recibir un detalle conmemorativo elaborado polos artesáns veciños de Mañufe Anxo Prada e Noelia Fernández, ofreceron ao público asistente a súa actuación. Despois, e antes do pasarrúas final pola Avda. Elduayen, tiña lugar o vistoso encontro entre Rondallas e o cruzamento de bandeiras, co que cada agrupación cede a testemuña á seguinte.

No repertorio puidéronse escoitar desde temas tradicionais, rumbas ou pasodobres, ata versións de éxitos recentes como o “ Despacito” ou “Me Emborracharé”, ou clásicos de The Beatles ou The Rolling Stones, sen esquecer as bandas sonoras de películas, como “Braveheart”.

Entre as 11 agrupacións participantes neste XXXVI Encontro de Rondallas, que se leva celebrando desde 1903, sumaban máis de 800 compoñentes.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.