Nigrán recibirá aos Reis Magos no Pavillón Municipal tras desfilar por A Ramallosa, Lourido e Panxón

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Cabalgata de Reis en Nigrán.

Os Reis Magos de Oriente serán recibidos o venres no Pavillón Municipal de Panxón ás 19:00 horas despois de desfilar por A Ramallosa, Lourido e Panxón. As Súas Maxestades sairán da Rúa Romana Alta ás 17.00 horas para percorrer as rúas Damas Apostólicas, Romana Baixa, Camiño da Cabreira e Manuel Lemos e concluír no Centro da Terceira Idade na Alameda de San Campio.

Posteriormente, desfilarán por Torrente Ballester, Vista ao Mar e Praia América tendo previsto chegar ás 18:15 horas ás pistas de tenis de Panxón para facer un percorrido por Jesús Espinosa, Mariñeiro e Paseo Marítimo e chegar ao Pavillón Municipal sobre as 19:00 horas, onde se realizará a recepción real que outorga aos nenos a oportunidade de falar directamente con Melchor, Gaspar e Baltasar para transmitirlles os seus desexos.

Ás 16:45 sairán 20 motos do club “Vespa Miñor” cos seus paxes reais e 20 vehículos de “Clásicos Miñor” anunciando a chegada das carrozas reais e no seu desfile polas rúas de Nigrán no que as Súas Maxestades estarán acompañados pola animación de “La Fiesta Escénica” e a Rondalla de Parada.

As portas do pavillón serán abertas ás 18:30 horas para aqueles que asistan á recepción e antes da chegada dos Reis desfrutarán dun espectáculo de La Fiesta Escénica.

Anuncios