O programa “Nadal en Rede” chega a Gondomar co espectáculo “Picariño”

A Concellería de Educación de Gondomar ofrece este martes 2 de xaneiro o espectáculo “Picariño”, de Senén Vaamonde e Alfredo e Manuel, integrantes do grupo A Roda. Trátase dun concerto didáctico dirixido ao público familiar no que non faltarán as panxoliñas nin a poesía de Pura e Dora Vázquez. A función comezará ás 17:00 horas no Auditorio Municipal Lois Tobío.

“Picariño” é unha actividade enmarcada dentro do Programa Nadal en Rede da Rede de Dinamización Lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística destinado a promover o uso do galego no lecer das actividades de Nadal. A entrada é de balde.