O novo convenio fixa un incremento de 400 € anuais para os traballadores de Cespa en Nigrán

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Servizo de recollida de lixo en Nigrán.

A Federación de Servizos da CIG de Vigo asinou durante os últimos días do ano 2017 seis convenios, entre eles o da empresa Cespa, S.A., filial de Ferrovial, para o seu persoal adscrito aos servizos de recollida de residuos sólidos e limpeza viaria do concello de Nigrán, no que a representación sindical é un delegado da CIG.

O convenio terá un ano de duración e fixa un incremento de 400 euros anuais para os seus 22 traballadores/as. Só se negociaron incrementos salariais dado que a concesionaria está pendente de revisión de prezos.

Dende a central valoran moi positivamente os acordos e salientan o feito de que ter a maioría no comité ou ser o único sindicato con representación nas empresas permite lograr importantes avances laborais e salariais. “A nosa política sindical de dotar os centros de traballo de convenios colectivos propios está a dar moitos froitos á hora de mellorar as condicións”.