Catro centros do Val Miñor poñen en marcha clubs de lectura para este curso 2017/18

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // IES Val Miñor.

Un total de 77 centros de ESO, bacharelato, FP ou ensinanzas de réxime especial da provincia de Pontevedra poñerán en marcha este curso os clubs de lectura, espazos de dinamización a prol da lectura que, ademais, favorecen tamén a aprendizaxe de competencias clave. Prevese que participen ao redor de 4.000 lectores e lectoras nos club de lectura dos centros pontevedreses.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de publicar a resolución pola que se conceden axudas para sufragar os gastos derivados do desenvolvemento de actividades previstas para o club, fundamentalmente aqueles que teñen que ver coa adquisición de libros, que pasarán a formar parte dos fondos da biblioteca escolar. Para esta acción de fomento do hábito lector entre toda a comunidade educativa, a Consellería destinou 215.000 euros.

En total, son 231 os centros galegos que desenvolverán este curso clubs de lectura, nos que se prevé que participen máis de 12.000 lectoras e lectores. Os centros beneficiados na comarca do Val Miñor son o IES Primeiro de Marzo de Baiona, que recibirá unha axuda de 720 euros, o IES Plurilingüe Terra de Turonio de Gondomar, cunha achega de 1.250 euros, e os IES Val Miñor e Escolas Proval de Nigrán, que recibirán unhas axudas de 600 e 720 euros respectivamente.

Á hora de realizar as asignacións aos centros valoráronse as iniciativas destinadas a impulsar a lectura de textos en lingua galega e que buscan contribuír a un maior vínculo das mozas e mozos coa lingua e a literatura galegas. Así mesmo, primáronse as que fomentan a participación nos grupos de lectura de varóns, co fin de contrarrestar os estereotipos de xénero nesta materia. Así mesmo, valoráronse de forma especial as propostas que impulsen a participación do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

Espazos de convivencia e motivación

Os clubs de lectura funcionan como grupos de dinamización a prol da lectura nas comunidades educativas e como ámbitos de aprendizaxe de competencias clave para a vida. Asemade, ao implicar a diferentes membros da comunidade, son espazos para a convivencia e a educación cidadá, ao mesmo tempo que son útiles para incorporar á lectura a mozos e mozas que presentan pouco interese por este hábito. Así mesmo, tamén axudan a mellorar a autoestima e as habilidades sociais e de lectura do alumnado con dificultades específicas de aprendizaxe.

Por outra banda, nestas reunións adoitan introducirse as tecnoloxías da comunicación e a lectura dixital, así como as relacións con outros clubs, con bibliotecas públicas ou con entidades culturais do entorno máis próximo.