As brigadas de mantemento das estradas provinciais atenderon preto de 600 emerxencias no 2017

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA // Brigada de mantemento das estradas provinciais.

As brigadas de conservación e mantemento da mobilidade na rede de estradas provinciais, dependentes do departamento dirixido polo deputado Uxío Benítez, atenderon este ano 2017 571 emerxencias nas vías de titularidade da Deputación, unha cifra que supera amplamente as 524 realizadas o pasado exercicio. Estas actuacións corresponden aos avisos chegados a través da Unidade de Control e Vixilancia da DEPO, que recibe e organiza as chamadas do 112, gobernos locais e outros servizos de emerxencia de toda a provincia durante as 24 horas do día, 365 días ao ano.

Os temporais sufridos ao longo do 2017, segundo explicou Benítez, foron os principais protagonistas das actuacións e incidencias atendidas polas brigadas. Os meses de febreiro, cando se produciron as borrascas ‘Kurt’ e ‘Leiv’, e o actual mes de decembro, cos temporais ‘Ana’ e ‘Bruno’, foron os que deixaron o maior número de traballos, con 164 e 86 emerxencias respectivamente, ás que se sumaron os traballos ordinarios dos operarios das brigadas realizados de xeito preventivo e outros atendidos dentro da xornada habitual. O mes de xaneiro foi o seguinte mes en número de actuacións, e o mes de outubro (38) ,coincidindo coa vaga de lumes, estando o resto do ano nunha media de 30 saídas debidas a motivos moi diversos.

Neste 2017 (con datos a 30 de decembro) as incidencias máis habituais foron as retiradas de pólas e árbores nas calzadas (201); seguidas do soporte e atención en accidentes de tráfico, para sinalizar o suceso, retirar elementos da calzada e baldear a vía no caso de que se derramaran líquidos (149); da recollida de animais soltos (52); nevadas ou xeo (49); desprendementos de noiros con terra e pedras (44); fochancas (24); así como asolagamentos (21) e outras actuacións variadas (semáforos sen funcionamento, retirada de tapas de alcantarilla, postes caídos, retirada de metais…).

Zonas da provincia

A zona Centro da provincia, formada polas vías dos concellos de Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, Cotobade, Cuntis, Catoira, O Grove, Illa de Arousa, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Moraña, Pontecesures, Pontevedra, Portas, Poio, Ribadumia, Sanxenxo, Valga, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova, estando atendida por tres brigadas con base en Pontevedra, foi a que máis actuacións sumou e acadou 208 actuacións de emerxencia.

A zona Norte da provincia, á que dan servicio tres brigadas dos parques de Codeseda e Lalín, está formada polos concellos de Cerdedo, Dozón, A Estrada, Forcarei, Agolada, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces e chegou a 157 actuacións. O municipio da Estrada foi o que acumulou o maior número de intervencións de toda a provincia, con 58 emerxencias, xa que se trata tamén dun dos municipios con máis quilómetros de vías provinciais .

Finalmente, dúas brigadas da zona Sur atenden a maior extensión do territorio nos concellos de Arbo, A Cañiza, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, A Lama, Mondariz, Mondariz Balneario, Porriño, Ponteareas, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra, Soutomaior, Redondela, Tomiño, Tui, Vigo, Ponte Caldelas, As Neves, Oia, Nigrán, Baiona, Pazos de Borbén e Mos. Nestas vías actuouse tamén en 206 casos dende as bases de Gondomar e Ponteareas.

Os concellos nos que menos incidencias se detectaron este 2017 foron Cambados (2 emerxencias), Poio (1), Portas (2), Dozón (1), Mos (2), O Rosal (1) e Oia (1). Non se recibiron avisos dos concellos de Pontecesures, Vilagarcía, A Illa, A Guarda e Tui, en moitos dos casos polo escaso número de estradas provinciais no seu territorio.

Atención 24 horas

O sistema de emerxencias nas estradas provinciais funciona 24 horas ao día 365 días ao ano. As alertas chegan ao servizo de Vixilancia da Deputación tanto a través da Policía Local do concello afectado, da Garda Civil, de alcaldes, concelleiros ou de calquera veciño, así como tamén do servizo 112, que activa un protocolo de actuación propio.

O servizo de Vixianza a Deputación encárgase de recoller o nome da estrada na que se produce a incidencia, punto quilométrico e causa e transmíteo á brigada máis próxima das nove existentes. Sempre hai brigadas en cada un dos centros operativos dispostas a saír e no caso de que haxa algunha alerta (mal tempo, lumes…) mantense outra brigada en retén e as demais en garda localizada.

O deputado de Mobilidade quixo destacar o traballo da equipa das brigadas e felicitalas pola súa implicación, fundamental para un correcto mantemento dos 1.700 quilómetros da rede de vías provinciais. «A actuación inmediata das brigadas para resolver incidentes é fundamental para garantir a seguranza viaria, por iso para nós o traballo que fan é básico», subliñou. Tamén volveu recoñecer a labor inxente que fixeron na vaga de lumes do mes de outubro que obrigou a que os servizos de emerxencia das brigadas e maquinaria de propiedade da Deputación, a petición da Xunta de Galicia, estivera traballando sen descanso.

Anuncios