Alumnos dun colexio de Marrocos elixen Nigrán para a súa viaxe fin de estudos

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Os alumnos de Larache xunto cos estudantes do CEE de Panxón.

O alcalde de Nigrán, Juan González, e o edil de Educación, Luis Sanromán, despediron onte en Panxón a unha quincena de alumnos do colexio español “Luis Vives” de Larache, cidade portuaria do noroeste de Marrocos a 85 km de Tánxer. Os alumnos desfrutaron en Nigrán da súa viaxe fin de estudos de 6º de Primaria acompañados do seu titor Pablo Fernández, profesor de inglés no CPI de Panxón que este curso se atopa en comisión de servizos neste centro marroquí dependente do Ministerio de Educación español. Durante estes días, os alumnos estiveron aloxados no CEE de Panxón, centro co que tamén compartiron diversas actividades.

«Aínda que ao ser un colexio español a viaxe fin de estudos é case sempre a España, esta é a primeira vez que o “Luis Vives” vén a Galicia», sinala Pablo Fernández, quen non dubidou en propor a opción de Nigrán e exercer de embaixador. Durante estes días os rapaces participaron nun torneo co Panxón Fútbol Sala, fixeron surf con Prado Surf, foron ao cine, compartiron obradoiros cos alumnos do CEE de Panxón e coñeceron ao fin aos estudantes do CPI de Panxón, cos que mantiveran correspondencia ao longo de todo o curso. «Non deixa de ser un intercambio cultural interesantísimo para ambas partes (alumnos de Larache e do CPI e CEE de Panxón), agardamos que marchen felices de Nigrán para que contribúan a difundir a nosa mellor imaxe», sinala o alcalde, Juan González.

O colexio español “Luis Vives” está formado por 200 alumnos, o 50 % deles de nacionalidade española e o 50% marroquís, estes últimos deben pasar unha proba de acceso. Marrocos, con 11, é o país que acolle máis centros exteriores de titularidade española, habendo un total de 18 centros deste tipo espallados polo mundo. «Realmente son colexios de excelencia onde se preserva o idioma. En Marrocos teñen moitísima demanda porque despois o alumnado pode optar a continuar os seus estudos no sistema universitario español», resume Pablo.

Anuncios