“Estamos a converter a provincia nun referente en todo o estado”

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA // Carmela Silva.

A presidenta da deputación, Carmela Silva, cualificou de “máis que positivo” o balance do ano que remata na institución provincial. “Necesitaría varios días para poder contar todo o que fixemos neste ano, foi extraordinario en canto a xestión e proxectos, que están a situar a provincia na vangarda con iniciativas coas que xa somos un referente en todo o estado”

Silva mostrou especial satisfacción pola aprobación este ano dos Plans Estratéxicos de Turismo e de Deportes así como a posta en marcha do novo modelo de tratamento dos residuos sólidos ao través da compostaxe. Tamén, do novo Plan Concellos que os municipios da provincia terán o seu dispor a partir de xaneiro. “Un ano máis falamos dun Plan cun reparto de recursos de forma equitativa e transparente, con total respecto á autonomía local, e que en 2018 suma 42 millóns de euros máis os 30 millóns da liña 1 do 2019 para permitir que os concellos teñan máis fácil acometer proxectos de maior envergadura”.

A presidenta provincial pon especial relevancia nunha das prioridades que o goberno marcou coa súa chegada ao Pazo Provincial. “Falo do primeiro plan de igualdade desta Deputación de Pontevedra que fomos capaces de aprobar. Fixémolo despois de dez anos de aprobarse a Lei, que non existía nesta institución a pesar de que fose obrigatorio”. Silva cita tamén o novo modelo de mobilidade “temos ducias de proxectos moi importantes nas estradas da provincia e con criterios do século XXI como son a seguridade e a recuperación do espazo publico para as persoas”. E tampouco esquece a cultura. “Temos un potentísimo proxecto que está a percorrer os 61 concellos da provincia”.

Carmela Silva tamén destaca deste 2017 “a enorme aposta que fixemos como nunca polas políticas sociais. Desde que chegamos sempre dixemos que viñamos a gobernar para a xente e estou moi satisfeita porque estámolo a conseguir. A maior parte das cuestións que teñen que ver coas prestacións sociais nos concellos de menos de 20.000 habitantes son posibles grazas á Deputación de Pontevedra, e as nosas iniciativas teñen crecido este ano dunha forma exponencial“, sinalou.

A presidenta provincial avanzou que o 2018 que comeza será “tan positivo ou máis que o 2017. Quero que as veciñas e veciños saiban que imos poñer en marcha moitos máis proxectos que permitan avances no económico, no social, que avancemos cara a un turismo sostible e que todo elo converta a esta provincia nunha referencia. Xa o somos en moitos eidos pero queremos seguir na mesma liña. Cando remate este novo ano, verán que a provincia será moito mais moderna, vangardista, con mais desenvolvemento”. “Todos sabemos, dixo Silva, que o sur de Galicia xa é un dos espazos máis dinámicos do país pero desde a Deputación queremos ser un elemento fundamental para que esa dinamización se traduza en proxectos de futuro“

A presidenta da Deputación tamén expresou o seu maior desexo, “o emprego, un dos maiores retos que temos nesta sociedade. Espero, de verdade, que rematen as consecuencias que aínda vive moita xente debido a crise. Aínda moitas persoas sofren o paro, teñen empregos precarios, non chega a fin de mes, ou non cobra subsidios. Espero por elo que no 2018 tanto a administración do goberno de España como a Xunta de Galicia, que son as que teñen as competencias, poñan recursos suficientes para que rematen estas situacións que viven tantas persoas“.