A Deputación aproba o convenio co Concello de Nigrán para a construción da nova biblioteca

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar o convenio enmarcado no Plan de Reequilibrio dos concellos da provincia, impulsado pola institución, que permitirá ao municipio de Nigrán poñer en marcha un proxecto singular e moi esperado pola súa veciñanza.

O goberno de Carmela Silva aprobou a inversión de 1.479.620,18 euros para o concello de Nigrán destinada á construción da nova biblioteca municipal, que conta cun orzamento de 1.849.525,23 €. O concello achegará os 369.905,05 euros restantes, sendo Nigrán a localidade da comarca de Vigo co proxecto de maior contía.

O novo edificio se expón nunha parcela municipal (FR-5) de 443 metros cadrados e de forma trapezoidal no centro do municipio (á beira da Estrada pola Vía, á altura do número 118, fronte a rúa do Panasco) nun lugar facilmente accesible para a veciñanza tanto en transporte público como privado e que foi consensuado previamente cos grupos políticos e técnicos municipais. O feito de que se trate dunha parcela con forte desnivel permite que se poidan crear duplicidade de entradas, con accesos tanto dende a planta baixa como dende a primeira, o que favorece unha utilización polivalente das instalacións. Dende o punto de vista urbanístico, a construción xera unha praza cuberta que comunica co gran patio existente e que, ao mesmo tempo, supón unha zona previa á entrada da biblioteca por planta baixa.

O proxecto do estudio Gándara#Pons contempla un edificio de catro alturas de planta irregular e cunha superficie total construída de 1.260 m2 (a actual biblioteca do Cean ten 120 m2) e clasificado coa letra A no seu Certificado de Eficiencia Enerxética (máxima categoría). Trátase, por tanto, dun edificio bioclimático que dispón das últimas tecnoloxías en instalacións para acadar esta sustentabilidade ambiental.

Cun deseño de liñas modernas e sobrias adaptado á morfoloxía da parcela, a fachada se expón de granito e morteiro de cal e a xeometría da planta responde á propia forma do solar. O edificio consta de catro andares: na planta baixa (191 m2) disponse dunha sala de usos múltiples vinculada á praza cuberta adxacente, almacén e aseos; na planta primeira (269 m2) hemeroteca, sala de ordenadores, recepción e zona de préstamo infantil e xuvenil; na segunda (272 m2) zona de préstamo para adultos; e na terceira (235m2), zona de estudio que se comunica a dobre altura coa zona de préstamos do nivel inferior.

Actualmente, a Biblioteca Municipal de Nigrán ten preto de 4.000 socios e recibe máis de 8.000 visitantes cada ano. Para facerse socio tan só é necesario encher unha ficha de inscrición na propia instalación ou ben vía telemática, é de balde e non é necesario estar empadroado en Nigrán para poder gozar dos seus servizos. Conta con 43.800 volumes consultables por Internet no catálogo informatizado en liña.

O Plan de Reequilibrio é unha iniciativa, con bases claras, transparentes e obxectivas, dirixida aos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia, para poñer en marcha novos investimentos en dotacións singulares na mellora do equilibrio territorial. Máis polo miúdo, a través do plan, os 25 concellos beneficiarios poderán poñer en marcha grandes equipamentos e dotacións, centradas na ocupación do espazo público pola cidadanía, cambiando o modelo de trama urbana, impulsando as humanizacións así como equipamentos e dotacións deportivas, culturais, sociais ou de lecer e ocio, para dar resposta á situación de falta de equilibrio entre os concellos da provincia por mor das decisións arbitrarias dos anteriores gobernos.

Os proxectos enmarcados no Plan de Reequilibrio da Deputación de Pontevedra, para os que serán investidos un total de 15 millóns de euros, deberán estar iniciados antes do 30 de xuño de 2018 e rematado antes do 30 de xuño do 2019.