Gondomar asina o convenio coa Deputación para humanizar a Praza Paradela

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR // Carmela Silva e Paco Ferreira.

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asinou convenios co alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, e outros 20 alcaldes e alcaldesas da provincia dos 25 concellos que disporán de 15 millóns de euros para obras singulares dentro do Plan de Reequilibrio territorial do ente provincial. Silva subliñou a celeridade da administración provincial para poñer a disposición dos concellos estes fondos e a dos concellos en aprobar os seus proxectos que permitirán que os entes locais poidan, de maneira inmediata, licitar as obras incluídas neste plan.

Carmela Silva sentiuse “moi satisfeita” por asinar estes convenios dun xeito moi rápido “entre todas as administracións”. A Presidenta subliñou que estes convenios van permitir que a provincia conte con novas infraestruturas “como bibliotecas, centros sociais, piscinas ou pavillóns deportivos, polo tanto falamos de equipamentos moi importantes”. Un plan, que segundo manifestou Silva, “vai permitir que agora exista un equilibrio, porque este plan si que vai cubrir a todos sen depender de quen goberna ou da cor de cada alcalde ou alcaldesa, polo que si é un día para estar moi contenta”.

Asináronse os convenios con Barro, Campo Lameiro, A Cañiza, Catoira, Covelo, Crecente, Forcarei, Fornelos de Montes, Gondomar, O Grove, A Illa de Arousa, Meis, Mondariz, Moraña, Ponte Caldelas, Pontecesures, O Porriño, Rodeiro, Silleda, Soutomaior e Vilaboa e que soamente faltan os de As Neves e Nigrán, que se aprobaron este venres en xunta de goberno e quedan pendentes os de Bueu e Caldas.

No caso de Gondomar, a Deputación destinará 639.056,65 euros para realizar a reforma da Praza da Paradela e da súa contorna, cuxo orzamento total é de 798.820,74 euros. O proxecto, do arquitecto gondomareño Pablo Muíños, contempla unha intervención global para interrelacionar os diferentes espazos inconexos que existen na actualidade e mellorar a mobilidade.

Preténdese a creación dun espazo único, relacionado, que una a Praza da Paradela coa Praza do Concello e que se comunique, á súa vez, de forma fluída e adaptada, coas vías de acceso á área, eliminando ou limitando o tráfico rodado perimetral e continuo para garantir esta relación.

Formalízase dun espazo único e aberto que inclúe a rúa Ángel Urzáiz, a parte norte da Praza da Paradela e a Praza do Concello. Desde esa plataforma descéndese, adaptándose á topografía, ata a cota inferior da praza, onde os únicos elementos que destacan volumétricamente son as árbores.

Exponse a recuperación da auga como fonte de vida da praza. A canle aberta de auga convértese no elemento vertebrador, da praza. O ruído, o movemento, o brillo da auga é base da dinamización serena da praza. Búscase unha imaxe de conxunto, integrada, onde a praza e o seu perímetro sexan parte dun todo, non elementos inconexos como na actualidade.

É parte fundamental da intervención a eliminación de barreiras arquitectónicas mediante a creación de plataformas únicas, zonas de tránsito peonil onde non existan desniveis. A creación de novos espazos verdes é outro dos elementos prioritarios, mediante a inserción de novas árbores na trama urbana.

O Plan de Reequilibrio é unha iniciativa, con bases claras, transparentes e obxectivas, dirixida aos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia, para poñer en marcha novos investimentos en dotacións singulares na mellora do equilibrio territorial. Máis polo miúdo, a través do plan, os 25 concellos beneficiarios poderán poñer en marcha grandes equipamento e dotacións, centradas na ocupación do espazo público pola cidadanía, cambiando o modelo de trama urbana, impulsando as humanizacións así como equipamentos e dotacións deportivas, culturais, sociais ou de lecer e ocio, para dar resposta á situación de falta de equilibrio entre os concellos da provincia por mor das decisións arbitrarias dos anteriores gobernos.

Os proxectos enmarcados no Plan de Reequilibrio da Deputación de Pontevedra deberán estar iniciados antes do 30 de xuño de 2018 e rematado antes do 30 de xuño do 2019.