«Eu teño unha obriga coas rondallas de Vigo e ofrézolles un festival para elas»

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // A Rondalla de Vincios no Certame de Rondallas de Vigo.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, garantiu este xoves que a cidade terá o seu propio certame de rondallas, no que participarán as catro viguesas: Zamáns, Freixo, Valladares e Beade e que será financiado polo Concello. Con data aínda por concretar, celebrarase no Pavillón das Travesas, un «sitio magnífico e con aforo suficiente» cun custo aproximado de 25.000 euros.

Abel Caballero criticou que se pretenda que Vigo pague o custo dun festival de rondallas que non son de Vigo. «Era o que nos faltaba», engadiu, «o que algúns queren que fagamos custa 85.000 euros» para formacións que veñen de fóra, unha petición que considera «insólita».

«Vigo paga para Vigo, os tempos nos que Vigo paga todo acabouse», recalcou, apuntando que sería diferente se estivese en funcionamento a Área Metropolitana. «Eu teño unha obriga coas rondallas de Vigo e ofrézolles un festival para elas».

A Federación de Rondallas da Área Metropolitana de Vigo lamentaba nun comunicado a non celebración do tradicional Certame de Rondallas que cada mes de xaneiro se viña organizando no IFEVI, sobre todo porque a estas alturas “non teñamos marxe de tempo suficiente para buscar alternativas e por tanto que, despois de máis de 30 anos, este Nadal non podamos gozar deste encontro cultural único en todo o país”. Aínda así, sinalan que empezarán desde xa a traballar para recuperalo no próximo ano.