Espectáculo nocturno de burbullas xigantes en Baiona

Willy Pomper.

Willy Pomper ofrecerá este venres 29 de decembro ás 19:00 horas na Alameda Carabela Pinta de Baiona o seu espectáculo nocturno de burbullas xigantes, dentro da programación cultural Bai Nadal 2017 organizada pola Concellería de Cultura.

A noite é un dos mellores momentos para crear pompas de xabón xigantes. A humidade relativa do aire é máis alta, a temperatura refresca o ambiente e o vento para ou se converte nunha suave brisa.

Nestas condicións as pompas chegan ao seu máximo esplendor. Pódense facer pompas realmente xigantes (megapompas) de máis de 2 metros de diámetro, varios metros de lonxitude e mantéñense vivas por máis tempo.

As burbullas de fume tinguidas con luces de cores voarán no ceo ao ritmo do vento e da música, creando un espectáculo marabilloso, moi orixinal, relaxante e moi atraente.

O ambiente que se crea é fascinante, as pompas reflicten a contorna e as luces do lugar onde se realiza o espectáculo, adoptando incribles formas no aire, sorprendendo e cativando a todos espectadores.