Sin categoría

Nigrán instala contadores de tempo para peóns en nove semáforos do centro urbano

O Concello de Nigrán vén de habilitar contadores de tempo para peóns por valor de 4.600 euros en nove semáforos do centro urbano co obxectivo de reforzar a seguridade viaria, sendo especialmente útil para persoas con problemas de mobilidade reducida. Este contador regresivo marca os segundos que faltan para o cambio de fase, así, xunto ao número de liñas que ten o paso de cebra (que dá unha medida da anchura da calzada) permite avaliar claramente se é posible ou non cruzar por completo antes do comezo da fase vermella.

Os novos dispositivos foron instalados exactamente nos mesmos semáforos nos que o ano pasado se puxo un sinal acústico para invidentes que se activa a través do móbil grazas ao receptor de bluetooth (suprimindo ao mesmo tempo o inconvinte de que soe indiscriminadamente mentres está en verde). Trátase, por tanto, de pasos de peóns nas zonas urbanas máis transitadas de Nigrán (rúas Rosalía de Castro, Estrada pola Vía, Val Miñor e Pablo Iglesias).

«É un paso máis dentro da nosa política de accesibilidade, forma parte da nosa visión de conxunto de ‘Un Nigrán para todos'», explica o alcalde, Juan González, quen engade que «a accesibilidade vai máis alá de facer beirarrúas».