O Concello de Baiona fai balance do ano 2017 e o resultado é moi positivo en canto a investimentos e proxectos executados. Ademais, o municipio foi distinguido pola organización ambiental europea Green Destinations como un dos 100 mellores destinos turísticos sustentables do mundo xunto coas Illas Cíes.
Baiona tamén alcanzou a categoría Ouro en praias sen fume por ser o único municipio de España con todos os seus areais incluídos e conseguiu a bandeira azul para a Praia da Concheira por primeira vez na súa historia. Durante o ano que termina, a Real Vila celebrou o 520 Aniversario do Mercado de Sabarís e converteuse no primeiro municipio galego en acoller o Trial das Nacións, organizado pola Peña Moteros Val Miñor.
No relativo a proxectos executados, o investimento total durante o 2017 foi de 2.895.000 euros. Destacan as humanizacións das rúas Cidade de Vigo e Laureano Salgado, cun custo de 1.200.000 euros, a cargo da empresa concesionaria da auga, Gestagua, as obras de mellora da PO-552, que inclúen a reestruturación da zona de acceso ao porto de Baiona, coa creación dunha nova rotonda e un miradoiro de 500 metros cadrados, cun investimento total de 430.000 euros, e a construción do novo carril bici no Paseo de Alfonso IX, traballos que están a piques de finalizar e cuxo custo se eleva ata os 182.000 euros.
O Concello investiu 100.000 euros na adquisición de 90 colectores de carga lateral e 271.000 euros nun novo camión de recollida de residuos sólidos urbanos para este tipo de colectores. 20.000 euros foron destinados ao renting de catro vehículos municipais.
Outras partidas importantes foron as destinadas a obras de mellora na rede de saneamento e os viarios das parroquias, con 224.000 euros. Tamén se acondicionaron e crearon novos espazos de lecer en Tomás Mirambel e San Antón, cun investimento de 18.000 euros, un novo parque infantil en Portameán (Belesar), para o que se destinaron 15.000 euros, e outros 18.000 para a colocación de chan continuo no parque infantil de Covaterreña. A ampliación da pista de skate e novos aseos no campo de fútbol do Aral supuxo ás arcas municipais un investimento de 12.000 euros.
As melloras no edificio da Casa Consistorial supuxeron 40.000 euros, destinando outros 18.000 a melloras en colexios municipais. A adquisición do novo mobiliario para a biblioteca municipal, así como o equipamento informático, terá un custo de 75.000 euros.
Outras partidas foron destinadas á redacción dos plans especiais dos núcleos rurais de Medialdea e Morade (60.000 euros), melloras en accesibilidade (22.000 euros), o mantemento da réplica da Carabela Pinta (35.000 euros), a posta en marcha da administración electrónica (10.000 euros) e a iluminación dos pasos de peóns na PO-552 (10.000 euros). Finalmente, 135.000 euros foron achegados coa Xunta para o Transporte Metropolitano.
Segundo avanzou o alcalde, Ángel Rodal, o próximo ano 2018 o Concello continuará coa súa idea de “abrir Baiona ao mar”. Entre os proxectos pendentes están a humanización da rúa Marqués de Quintanar, xa en marcha, a construción dun carril bici entre Santa Marta e A Ladeira (o único tramo que faltaría) e a humanización do último tramo da travesía de Sabarís, que inclúe a reurbanización da Praza Victoria Cadaval.
Outro dos obxectivos é conseguir cinco bandeiras azuis. Tampouco hai que esquecer, que o próximo mes de marzo, a Real Vila conmemorará o 525 aniversario da Arribada da Carabela Pinta coa noticia do descubrimento, cita para a que desde o Consistorio xa pediron a presenza das súas Maxestades os Reis de España.

