Os Terribles de Donas presentan este sábado en Gondomar o seu novo disco

Os Terribles de Donas presentan este sábado día 30 de decembro o seu novo disco titulado “Alcoucer”, cun concerto no Auditorio Municipal Lois Tobío de Gondomar no que tamén participarán agrupacións de Moaña, Mos e Baiona con obras que teñen que ver co Val Miñor, Vigo ou O Morrazo. Será ás 19:00 horas.

Se “Abrollido” foi o disco que inaugurou as gravacións do grupo e “Pedramoura” significou a ampliación e a confirmación desa recuperación, este terceiro disco chamado “Alcoucer” representa o renacer deste grupo histórico do Val Miñor noutra nova etapa que a partir das raíces que representan os herdeiros directos do grupo, Manolo e Suso Sousa, volve a refundarse unha vez máis coa incorporación dunha nova xeración de músicos representados por Jaime Estévez Moreira e Adrián Fernández que xunto a Xaime Estévez, forman na actualidade, este quinteto de música tradicional.

Non foi nada fácil chegar ata aquí, o impresionante nivel e madurez acadado polo grupo en “Pedramoura” tivo que recuperarse durante un tempo dun cambio importante cando só tres dos compoñentes da anterior formación quedaron navegando neste barco da música galega… pero cando as raíces son boas pode volver a haber froitos e así coa axuda de moita xente e as novas incorporacións chegan a este porto chamado “Alcoucer” cheos de esperanza e ilusión tanto polo alto nivel alcanzado como polo prometedor futuro que lles pode agardar nesta nova etapa.

Neste novo traballo hai tres tipos de repertorio: pezas aínda inéditas do repertorio dos Terribles, pezas novas ao estilo tradicional compostas polos tres músicos melódicos do grupo, e pezas de compositores moi apreciados por eles como o mestre Henrique Otero, Ernesto Campos ou Xurxo Antúnez. A axuda recibida nesta etapa por amigos que compartiron concertos queda constatada na súa participación nesta gravación. Así Os Novos Galiños de Belesar, Breogán de Moaña, a Profesora Charo Guerrero, a violinista Carmen Estévez, o coro galego do Círculo cultural Abrente de Mos ou as Pandereteiras de Monte Boi de Baiona participan tamén desta gravación como o fixeron antes en concertos diversos feitos por toda Galicia.

“Alcoucer” é o barrio de Donas onde viviron fundadores dos Terribles no seu momento e onde vive o actual bombeiro Suso Sousa, un lugar que representa as raíces do grupo que nos permiten volver a recoller froitos nesta nova etapa na que o Val Miñor, Gondomar e Donas seguen a ser o epicentro da súa treboada artística que pretende enriquecer a música galega de raíz coa súa proposta.

Os Terribles de Donas agradecen a todos os colaboradores, aos Concellos de Gondomar, Baiona e Nigrán así como á Irmandade de devotos de San Roque de Vigo por contar con eles para os concertos precisos para financiar este disco, tamén á comunidade de montes de Donas, á Casa de Tolos e a Segundo Grandío por implicarse unha vez máis, a Carmen De La Torre pola revisión lingüística, a todos os que participaron antes no grupo formando parte necesaria desta historia e, especialmente, ás súas familias, amigos e seguidores polo seu apoio incondicional.