Baiona inicia o proceso de licitación do novo parque infantil da Palma

O Concello de Baiona vén de iniciar o proceso de licitación da reforma do parque infantil da Palma, que incluirá un gran castelo medieval temático acorde coa Fortaleza de Monte Real que ten ao seu carón.

Este martes o Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra publicaba o anuncio que marca o inicio do proceso de adxudicación. As empresas interesadas teñen ata o 10 de xaneiro para presentar as súas propostas no Rexistro Xeral do Concello de Baiona, en horario de 9:00 a 14:00 horas.

O proxecto vai destinado a reformar o parque de referencia de Baiona e o Val Miñor e modernizar todas as instalacións. O obxectivo é renovar unha zona de xogos que xa foi construída hai 25 anos e que vai quedando obsoleta en relación aos outros 15 parques dos que dispón o municipio.

O Concello xa definiu as características que terán as novas instalacións e contempla unha ampliación de case 100 metros cadrados para alcanzar un máximo de superficie de 560 metros cadrados de chan continuo. Ademais, estará preparado con elementos para todas as idades e disporá de xogos para persoas con mobilidade reducida ou algunha discapacidade.

Ao longo das dúas últimas décadas o parque da Palma xa foi mellorado con constantes remodelacións, pero neste caso o equipo de goberno local pretende un cambio integral nunha zona máis céntrica e emblemática da Vila por tratarse das instalacións máis utilizadas.

O proxecto conta cun orzamento de licitación de 211.000 euros destinados polo Concello de Baiona a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.