Adrián Valverde pechou a Copa Galicia de Ciclocrós con vitoria Elite en Maceda

FOTO: LUZ IGLESIAS // Adrián Valverde no X Ciclocrós Castelo de Maceda.

Na última xornada da Copa Galicia de Ciclocrós estivo a piques de saltar a sorpresa na categoría Elite. Adrián Valverde chegaba á localidade ourensá de Maceda con 92 puntos de desvantaxe respecto ao líder Darío Otero. Con todo, unha caída do corredor do Muebles Compostela multiplicou a emoción na loita pola xeral e finalmente o representante do Club Ciclista Rías Baixas quedou a 23 puntos de facerse co título.

A vitoria en Elite non lle bastou ao baionés, que cruzou a liña de meta en cuarta posición por detrás de tres sub23. Venceu Iván Feijoo (Academia Postal – Actyon – MMR), con 3:05 de vantaxe sobre Valverde, e a segunda e a terceira posición correspondéronlles respectivamente a Samuel González (Salvaterra) e a Román Saa (Academia Postal – Actyon – MMR).

O especialista do conxunto miñoraán tería que lograr a segunda posición absoluta para desbancar a Otero. Despois de trece xornadas a clasificación xeral Elite da Copa Galicia terminou co ciclista do Compostelano en primeira posición con 1071 puntos, Valverde obtivo a segunda praza con 1043 e terceiro foi Jorge Punzón (Fundación Óscar Pereiro) con 859. Na táboa absoluta impúxose Feijoo, con 1620 puntos, por diante dos dous primeiros elites.

Campionato de Galicia

A actuación en Maceda do corredor da entidade que preside José Luis Chamorro serviulle para recuperar as boas sensacións e chegar cargado de moral á gran cita do calendario autonómico. Este domingo, 31 de decembro, celébrase o Campionato de Galicia en Santiago de Compostela. A proba elite e sub23 arrancará ás 12:00 horas no circuíto de San Lázaro.