Galicia en alerta laranxa ante a chegada da borrasca “Bruno”

FOTO: VIGOE.ES

Unha profunda borrasca, nomeada Bruno, aproxímase desde o Atlántico ao oeste de Europa. Aínda que o seu centro estará lonxe do noso país, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta activou a alerta de nivel laranxa nas provincias de Ourense, Lugo, Pontevedra e A Coruña, tanto na costa como no interior, a partir de hoxe ás 12:00 horas e ata a tarde do día 27.

Polo que respecta ao vento en terra, na zona Noroeste da Coruña, na Mariña de Lugo e na Montaña de Ourense espéranse rachas máximas de 110 quilómetros por hora. Nas zonas Oeste e Suroeste da Coruña, na Montaña de Lugo, no Noroeste e Sur de Ourense, e nas zonas de Interior e do Miño en Pontevedra, de 100 quilómetros por hora. E no Interior da Coruña e do Centro de Lugo, de ata 90 quilómetros por hora. Este fenómeno comezará ás 18.00 horas do día 26 e rematará nas primeiras horas do día 27.

Polo que respecta ao fenómeno costeiro, nalgunhas zonas comezará ás 12.00 horas do día 26. No Noroeste e e o Oeste da provincia da Coruña espéranse ventos do Suroeste rolando a Oeste de forza de 7 a 8, con mar combinado do Oeste de 4 a 6 metros que aumentará na tarde do día 26 a mar combinado do Noroeste de 5 a 7 metros.

Na provincia de Lugo, tamén haberá ventos do Suroeste rolando a Oeste de forza 7 a 8, con mar combinado do Oeste de 4 a 6 metros, que aumentará durante a tarde a mar combinado do Noroeste de 5 a 8 metros.

Na zona Suroreste da Coruña e en Pontevedra, o fenómeno comezará a partir das 18.00 horas do día 26, haberá ventos do Oeste de forza 7 (ocasionalmente 8), con mar combinado do Oeste de 4 a 6 metros, pasando a Noroeste de 6 a 8 metros. O temporal costeiro rematará en tódolos casos na tarde do día 27.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos das provincias afectadas; ás Deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

Tamén recórdaselle á poboación a importancia de seguir as medidas de protección como evitar aproximarse a diques ou rompentes co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos ou vixiar posibles caídas de obxectos desde balcóns e fiestras. Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.