En Marea debate en Nigrán sobre as verdadeiras causas da vaga de lumes

O xoves celebrouse no Auditorio Municipal de Nigrán, organizado polas mareas municipalistas do Val Miñor que forman parte de En Marea (Eu-Son Baiona, Gondomar Concello Aberto e Nigrán Decide), un Encontro Comarcal aberto á veciñanza coa temática «Alternativa para un Territorio Vivo. Sen lumes. En verde. Con futuro».

Neste encontro, que contou cunha notable afluencia de público, debateuse durante máis de dous horas sobre as verdadeiras causas da vaga de lumes do pasado outono, contando con intervencións, entre outros, de expertos da Consellería de Medio Rural, bombeiros, parlamentarios de En Marea e o portavoz da formación no parlamento de Galicia, Luís Villares.

Entre as principais ideas que se expuxeron, a de que a única solución posible para o rural pasa por unha reformulación da ordenación do territorio que faga que este volva ser explotado de maneira racional e sustentable, cuns servizos axeitados e equiparables aos das zonas urbanas para a súa poboación; pola asunción da realidade do cambio climático e pola consecución dun pacto nacional galego polo territorio.

Por outra banda, se constatou tamén na xuntanza, de que os intereses económicos das grandes corporacións, como son Ence ou Finsa, cuxa actividade baséase na depredación dos recursos naturais, e a clara conivencia do goberno do Partido Popular con ditos intereses, así como coas empresas privadas de extinción de incendios son un gran obstáculo para a consecución destes obxectivos, aínda que todos os esforzos seguirán centrados na súa procura, e a man tendida para conseguilos.

Neste senso, e xa a nivel comarcal do Val Miñor, unha das primeiras medidas que tomaron desde as mareas municipalistas é a posta en marcha dunha Iniciativa Lexislativa Popular no Parlamento de Galicia para a creación de un Parque de Bombeiros público no Val Miñor.

Anuncios