Plataformas para a monitoraxe e automatización de procesos con tecnoloxía Open source, comparadores de servizos legais online, plataformas B2B para optimizar procesos loxísticos ou relacións comerciais no estranxeiro, aplicacións educativas, solucións intelixentes baseadas na Internet das Cousas para compartir chaves e abrir fechaduras de forma segura, ferramentas dixitais de protección de datos, solucións Big Data dirixidas ao fomento de cidades intelixentes… O sector TIC é, sen dúbida, o protagonista da quinta edición de ViaGalicia, aceleradora impulsada polo Consorcio Zona Franca de Vigo e a Xunta de Galicia, que hoxe publica a listaxe dos corenta proxectos que pasarán á fase de Academia.
Coa celebración do StartupDay a semana pasada nas sedes de Vigo e Lugo, o equipo evaluador de ViaGalicia puido coñecer aos equipos dos proxectos preseleccionados, así como as súas habilidades e competencias, co obxectivo de seleccionar os corenta proxectos (20 por sede) que, finalmente, pasarán á seguinte fase do programa, e que comezará o próximo mes de xaneiro.
Ademais de proxectos TIC, seleccionáronse tamén innovadoras ideas en materia enerxética, de recursos naturais ou agroalimentación, como a produción de té ecolóxico, sazonadores gourmet e cervexa artesanal, a implementación dun sistema de adega ecolóxica ou o desenvolvemento dun xestor intelixente de enerxía solar. Ademais, nesta edición, a música consolídase como un sector en alza coa selección de tres proxectos musicais: unha plataforma web con servizos e ferramentas para artistas e promotores, un proxecto dedicado á fabricación de equipos de audio electrónicos profesionais e unha iniciativa baseada na creación de dispositivos musicais e de amplificación analóxicos.
Nesta edición constatouse tamén o crecente peso dos proxectos tecnolóxicos socio-sanitarios nos últimos anos. Neste sentido, ViaGalicia seleccionou un proxecto para implementar un sistema de mellora da experiencia do usuario en pacientes que reciben terapia hospitalaria; unha idea de negocio que busca desenvolver un sistema de fabricación de embelecedores para próteses externas; e unha iniciativa de asesoría sobre impresión 3D para médicos, xerentes, xefes de servizo ou xefes de subministración e compras.
Fase de Academia
Tras o anuncio desta selección, os emprendedores comezarán o próximo mes de xaneiro a fase de Academia, na que un equipo de profesionais especializados axudaralles a definir o seu modelo de negocio e a mellorar as súas estratexias a través de sesións prácticas e personalizadas a medida de cada proxecto, co obxectivo de consolidar as súas propostas para a fase de Aceleración.
Sobre ViaGalicia
ViaGalicia é unha aceleradora impulsada polo Consorcio da Zona Franca de Vigo e a Xunta de Galicia, cuxo obxectivo é apostar por proxectos innovadores, acelerables e invertibles a través da súa participación nun amplo e rigoroso programa de formación, asesoramento, mentoring, e financiamento. Desde a súa posta en marcha en 2013 e ata a súa cuarta edición, ViaGalicia, con 6 millóns de euros de investimento, recibiu máis de 876 propostas de negocio, impulsando máis de 120 proxectos, dos que máis de 52 convertéronse en empresas, e xeraron máis de 260 empregos novos.
Esta quinta convocatoria de ViaGalicia conta cun orzamento total de 2,65 millóns de euros.

