O Concello de Nigrán organiza este sábado 23 de decembro unha xornada matinal de observación de aves na Foz do río Miñor. Entre as 11:00 e 13:00 horas ornitólogos especializados instalarán puntos de observación no paseo da Foz desde os que se poderán observar as diferentes especies que, este ano máis tarde do normal, están a chegar a este espazo natural singular que utilizan como zona de paso e residencia invernal.
Ademais da observación das distintas especies de aves que atopan na Foz do Miñor un espazo vital para o seu refuxio e alimentación invernal os participantes aprenderán a utilizar distintas claves de identificación, guías de campo e instrumentos de observación como tipos de prismáticos e telescopios terrestres.
Os humidais costeiros como a Foz do Miñor son ecosistemas que albergan unha das maiores concentracións de biodiversidade e representan lugares imprescindibles para a conservación de numerosas especies vulnerables a nivel local e mundial.
Esta actividade de sensibilización ambiental forma parte da campaña do Concello de Nigrán para conseguir a inclusión do esteiro do Miñor na convención Ramsar, humidal de importancia internacional.

