Nigrán defende o comercio de proximidade e rexeita a instalación de Porto Cabral

ALBERTO RODRÍGUEZ // Pleno de Nigrán.

O Pleno do Concello de Nigrán aprobou, coa abstención do Partido Popular e UCN, a proposición do BNG en defensa do pequeno comercio de proximidade e de oposición á consideración de interese supramunicipal do macroproxecto previsto por Eurofund Investiments no monte comunal de Liñeiriños-Cabral.

O BNG coincide coa Plataforma en defensa do comercio local en que a instalación deste macrocentro comercial suporía un golpe moi duro para o sector do pequeno comercio, un problema que afectará a Vigo pero, especialmente, aos concellos limítrofes como Nigrán.

“Por iso dende as administracións non cabe, ao noso xuízo, ningunha actuación para favorecer a súa implantación, antes ben, ao contrario, debera limitarse a instalación de grandes áreas comercias”, asegura Xavier Rodríguez, Portavoz Municipal do BNG.

É por isto que a Corporación de Nigrán acordou recoller as demandas dos pequenos comerciantes do Val Miñor e dirixirse á Xunta, que é quen ten competencias na materia, para instarlle a aprobar unha moratoria de dez anos na concesión de licenzas para grandes áreas comerciais, así como a desenvolver nese tempo un plan sectorial de equipamentos comerciais en Galicia, a xeito de ordenar a oferta comercial.

Anuncios