A Xunta destina máis de 250.000 € á continuidade do centro de día O Salgueiro de Gondomar

FOTO: AUTISMO VIGO // Centro de día O Salgueiro en Gondomar.

O Consello da Xunta aprobou hoxe a prórroga para todo o ano 2018 do contrato en réxime de concerto coa Asociación Autismo Vigo para a xestión da residencia e centro de día O Salgueiro, situado no municipio de Gondomar. Deste xeito, o Goberno galego garante e a continuidade de 12 prazas de atención a persoas con trastorno do espectro autista con necesidades de apoio extenso e xeneralizado e o seu orzamento ascende a un total de 250.743,84 euros.

O obxectivo desta medida impulsada pola Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social é seguir a consolidar a rede autonómica de atención residencial. Así mesmo, a intención é paliar as necesidades en materia de atención no ámbito da discapacidade no concello de Gondomar e, ao mesmo tempo, seguir a avanzar na implantación dun sistema de atención social especializada que ten en conta as necesidades e os desexos do colectivo das persoas con discapacidade intelectual e das súas familias.

A duración deste acordo para a continuidade da xestión do centro O Salgueiro a cargo da entidade Autismo Vigo está prevista desde o vindeiro día 1 de xaneiro ata o 31 de decembro de 2018, podéndose prorrogar expresamente por anos naturais sucesivos de acordo coa normativa vixente. Esta actuación está enmarcada dentro do ámbito da lei de dependencia e responde ao obxectivo da Xunta de Galicia de incrementar o número de prestacións públicas para persoas en situación de dependencia.