A Foz da Ramallosa, incluída nos roteiros de turismo ornitolóxico da Deputación

FOTO: PEPE COSTAS // A Foz do Miñor.

A Deputación de Pontevedra vén de poñer en marcha os tres primeiros roteiros de turismo ornitolóxico que facilitará o avistamento de aves na nosa provincia en colaboración coa organización SEO-BirdLife. Carmela Silva presentou hoxe estes tres roteiros cos que se poderán visitar o estuario do Miño e da Ramallosa, o complexo intermareal do Umia-O Grove e as Brañas dos Xestoso.

Silva subliñou que esta campaña de turismo ornitolóxico, cumpre cos obxectivos do Plan Estratéxico de Turismo, ten un dobre obxectivo de promoción das zonas nas que se pode facer avistamento de aves polas súas condicións ambientais e, por outra banda, “sensibilizar á veciñanza sobre a necesidade de protección destes espazos, que son un recurso natural de primeira orde e unha oportunidade de desenvolvemento turístico”.

O primeiro destes roteiros guiados será o próximo día 21 de xaneiro ao complexo intermareal do Umia-O GROVE. A Presidenta recoñeceu que preto de 18.000 aves acoden cada ano a esta zona húmida procedentes do Norte de Europa para facer a súa invernada ou no seu tránsito ate Africa. “No humidal atópanse cullereiros, gavitas, virapedras, pilros, píldoras, mazaricos, píllaras, biluricos, distintas especies de patos, garzas, garzotas, gaivotas, carrans, mobellas, pentumeiros ou corvos mariños” .

O segundo roteiro será o do esteiro do río Miño e a Foz da Ramallosa, que se celebrará o catro de febreiro. A desembocadura do río Miño forma un esteiro con gran variedade de hábitats similar ao que acontece na Ramallosa, aínda que en menor medida, tal e como recoñeceu Carmela Silva. “Nestes meses pódense observar limícolas como mazaricos, biluricos, pilros,…. Ou avefrías. Así como patos, garzas, mergullóns ou pentumeiros. Tamén vense aves rapaces, nas que destacan a gatafornela o lagarteiro cincento e a águia peixeira, e onde é posible observar a súa espectacular forma de pesca”.

O último dos roteiros será nas Brañas de Xestoso, entre os municipios de Silleda, Forcarei e Lalín. Esta actividade se realizará o 20 de maio. A diferencia das outras zonas é que se trata dun enclave onde as aves veñen en primavera para criar os seus polos. Pódense observar a escribenta amarela, escribenta riscada, laverca, tordo charlo, trigueirón ou especies migratorias procedentes de África como o picanzo vermello e pica dos árbores.

Os tres roteiros serán coordinados por membros de SEO-BirdLife que facilitarán aos participantes material para o avistamento das aves. O período de inscrición comezará o nove de xaneiro e poderá realizarse mediante a páxina web da Deputación (www.depo.gal) ou nos rexistros de Vigo e Pontevedra.

Por último, Carmela Silva subliñou que Pontevedra acolle catro das dezaseis Zonas de Especial Protección de Aves (ZEPAS) que existen en Galicia. A todo España acoden preto de dez millóns de turistas anuais dedicados ao avistamento de aves nas innumerables zonas húmidas do país según os datos da Organización Mundial do Turismo.

Por último, Gustavo Ferreiro do grupo local de SEO-BirdLife, agradeceu a Deputación o apoio para levar a cabo estes tres roteiros para dar a coñecer unha riqueza natural como a que conta a provincia de Pontevedra. Ademais subliñou que se apostou por tres das zonas menos coñecidas da provincia e, sobre todo, máis representativas por se humidais de costa e de interior.

Anuncios