O PSOE critica a drástica transformación do Paseo de Alfonso IX

O Grupo Municipal Socialista de Baiona critica nun comunicado a drástica transformación que está a sufrir o Paseo de Alfonxo IX pola construción dun carril bici, decisión tomada segundo o seu secretario xeral, Carlos Gómez, “unilateralmente, sen acordar nin cos veciños e colectivos nin co resto dos grupos municipais”.

“El paseo Marítimo de Baiona es probablemente el más atractivo bulevar costero de todas las villas de la provincia. Más aún que en otras poblaciones desarrolladas a partir de su puerto, su antigua concepción urbanística le permitió integrarse impecablemente al núcleo poblacional. Hoy el Paseo, ampliado y restaurado, es un elemento arquitectónico funcional y estético, ideal para detenerse a contemplar la bahía o las blancas galerías acristaladas de la fachada marítima. La acera opuesta al mar es una larga avenida comercial que reúne restaurantes, terrazas, hoteles y tiendas de productos de alta calidad.”

“Este texto está copiado literalmente da páxina de Turismo de Baiona baixo o lema “Baiona Fascinante”. Desgraciadamente esta descrición que o propio goberno municipal mantén na páxina oficial do Concello xa non se axusta á realidade”, engade Gómez.

Os socialistas lembran que no momento da súa construción, obra do arquitecto baionés Manuel Portolés, coidáronse aspectos tales como o respecto á contorna histórica-artística, conservando o muro orixinal, incluíronse elementos axardinados e de esparexemento, posibilitando a contemplación e o desfrute tanto da baía como da arquitectura da fachada litoral.

“Hoxe, sen ningunha xustificación, o paseo quedou reducido á metade, elimináronse os loureiros e xardineiras e retiráronse bancos. O que estaba concibido como un amplo espazo de paseo e desfrute para os peóns transfórmase en algo angosto e no que se concentran peóns e bicicletas co consecuente perigo e a imposibilidade de contemplar de forma tranquila a beleza da nosa contorna”.

Desde a Agrupación Socialista de Baiona denuncian a deriva que está a tomar o alcalde e o seu equipo de goberno, con este tipo de actuacións ás costas dos veciños e veciñas de Baiona: campo de golf, rotonda, paseo marítimo, actos institucionais…

“Preocúpanos a actitude que mantén o goberno municipal de Baiona, cada vez máis desconectado da vida e intereses dos veciños, non sabemos se é debido á súa incompetencia, a súa prepotencia ou simplemente ao seu illamento”.

Gómez esixe que antes de emprender accións tan determinantes para o futuro desenvolvemento da vila, consúltenas cos veciños, colectivos e todos os grupos da corporación así como coas persoas que teñan criterio acreditado, neste caso o propio arquitecto ou os responsables municipais da época da construción.