O Plan Estratéxico de Turismo converterá á provincia “nun destino de excelencia e sostible”

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada de deputadas e deputados provinciais, de alcaldes e alcaldesas, e de representantes da Xunta de Galicia así como de diferentes eidos do sector turístico de Pontevedra, deu a coñecer esta mañá os principais obxectivos e liñas de actuación que conforman o Plan Estratéxico de Turismo “Turismo 2020 Pontevedra”. En liñas xerais, este novidoso plan, desenvolvido a partir das demandas do sector turístico provincial, conta con 400 páxinas nas que se detallan as cinco liñas estratéxicas sobre as que se desenvolverán 11 plans de actuación específicos con 40 accións diferenciadas que se porán en marcha nos vindeiros tres anos.

O Plan Estratéxico de Turismo para as Rías Baixas trátase, en palabras da presidenta provincial Carmela Silva, “do documento marco que guiará a política turística a partir do 1 de xaneiro de 2018, baixo criterios de rigor, planificación e obxectivos medibles coa finalidade de converter á provincia nun destino de excelencia e sostible”. Para elaboralo, o plan parte da análise da realidade turística da provincia de Pontevedra, a través de enquisas e mesas sectoriais, e recolle as accións necesarias para dar respostas aos retos marcados.

Ante un salón de plenos do Pazo Provincial ateigado de persoas, Carmela Silva amosou a súa satisfacción por ver “a implicación dos concellos, asociacións e do sector privado que manifesta o enorme compromiso coa nosa provincia, por traballar xuntas e xuntos e construír un proxecto turístico para a provincia que sexa de todas e de todos”. Ao respecto, a presidenta destacou que un dos grandes obxectivos do goberno “é o desenvolvemento económico do territorio e da cidadanía e estou seguro que este Plan Estratéxico de Turismo de Pontevedra marcará un antes e un despois no modelo turístico da nosa provincia e afianzará o desenvolvemento futuro do noso territorio”.

Carmela Silva puxo en valor todo o potencial da provincia de Pontevedra, “con grandes recursos que constitúen un grande activo, dende os recursos naturais e culturais ata a propia posición xeoestratéxica das Rías Baixas son grandes oportunidades nas que debemos traballar no horizonte 2020”. A presidenta tamén destacou o capital humano “que xa nos fixo líderes en diferentes sectores e agora tamén o fará nun sector estratéxico como é o turismo, que representa o 12% do PIB de Galicia”. Neste eido, Silva recordou o esforzo das empresarias e empresarios do sector turístico grazas aos e ás cales a provincia é referente na restauración (con 5 “Estrelas Michelín” e 8 “Soles Repsol”), nos establecementos (con 200 distintivos SICTED e 100 Q de Calidade), así como os festivais (premiados a nivel nacional e internacional).

O Plan Estratéxico de Turismo recolle o compromiso do goberno da Deputación “por converter ao turismo, sector tractor de Pontevedra, no motor de desenvolvemento social, económico, cultural e ambiental da provincia”. Para acadalo, conta cun orzamento de 12 millóns de euros distribuído entre 2018 e 2020 para o desenvolvemento de accións centradas en cinco eixos centrais de actuación: a gobernanza, a estruturación da oferta, a excelencia no destino, a promoción efectiva e a comercialización, que definirán a estratexia de Turismo Rías Baixas nos vindeiros tres anos. Deste xeito, e a través destes cinco eixos de actuación, preténdense “converter aos recursos, produtos e talento da provincia nos tres piares sobre os que actuar e construír un modelo de turismo sostible, excelente e innovador”, tal e como indicou a presidenta provincial.

Dentro das liñas estratéxicas do plan, Carmela Silva fixo fincapé na xestión e gobernanza provincial do modelo turístico a través da cal, entre outras cuestións, porase en marcha unha “Mesa provincial de Turismo” que terá unha función propositiva e tamén de observación e seguimento da execución do plan. Tamén detallou a presidenta provincial a necesidade de facer esforzos de comunicación e promoción, nacional e internacional, contemplados no plan, “xa que a provincia non é suficientemente coñecida e menos o interior, un interior único que ofrece oportunidades para completar a oferta”. Máis polo miúdo, Silva informou que “imos dar un salto cualitativo na comunicación online e crear produtos e experiencias turísticas diferenciadoras apreciadas por visitantes e turistas, unha oferta turística adaptada ás demandas do século XXI, con novas experiencias que fomenten a desestacionalización e a complementariedade”.

Ademais, Silva destacou que o Plan Estratéxico de Turismo para Rías Baixas tamén detalla a importancia do posicionamento no mundo dixital “onde se está a producir a verdadeira demanda turística, por iso é importante dar o salto a través da promoción e contidos nas redes pero tamén innovando para ser un destino intelixente”.

A presidenta da Deputación de Pontevedra destacou que para acadar todos os retos que formula o plan é necesario “compartir o liderado, traballar xuntas e xuntos, todas as administracións e o sector, polo que vos pido un esforzo máis xa que o seu cumprimento require do traballo coordinado e conxunto de todos e todas e o seu éxito será o de toda a provincia”.

Plan Estratéxico de Turismo 2020 Pontevedra

Anuncios