Baiona adquire un innovador camión de recollida de residuos de carga lateral

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Novo camión de recollida de lixo de carga lateral de Baiona.

O Alcalde de Baiona, Ángel Rodal, e a concelleira de Medio Ambiente, María Iglesias, presentaron esta mañá o novo camión de carga lateral de residuos sólidos urbanos.

Trátase dun vehículo autobastidor carrozado con recolector compactador de residuos de carga lateral de 27 toneladas e 400 cabalos de potencia. O novo camión recolector de residuos sólidos urbanos, cuxo prezo é de 271.524€, cantidade que o Concello de Baiona destinou do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

“A recollida de tipo lateral, pola que se apostou, é máis eficiente e máis rápida. O novo camión trátase dun vehículo de alta gama con toda a tecnoloxía dispoñible nestes momentos no mercado e cunha gran capacidade de carga. Ademais, trátase dun vehículo que respecta o medio ambiente e que é moi silencioso, polo que tampouco xera contaminación acústica. Producirase unha importante mellora do servizo aumentando a súa calidade tanto en operatividade como en calidade ambiental”, apuntou o Alcalde, Ángel Rodal.

Rodal detallou que a incorporación deste vehículo supón importantes vantaxes operativas e ambientais, xa que o sistema lateral é máis eficiente que o posterior, incrementa o rendemento pola maior capacidade de carga e o menor tempo de elevación dos colectores, ao redor de 46 segundos por colector. Por iso permite realizar un número menor de rutas para recoller o mesmo número de colectores e tamén supón menos viaxes para depositar os residuos.

O camión de recollida lateral permitirá que sexa o propio condutor o que accione un mecanismo para envorcar os residuos dos colectores no vehículo, sen necesidade de máis persoal. Actualmente cada un deles necesita un condutor e dous operarios para prestar o servizo. O executivo municipal prevé recolocar a estes últimos noutros destinos de traballo para fortalecer o servizo de limpeza. Os choferes recibirán formación mañá para coñecer todos os detalles do funcionamento.

O novo vehículo leva instalado un sistema de videocámaras ademais dun sistema de paro en situacións de emerxencia e un novo sistema silencioso de deposición dos novos colectores evitando deste xeito ruídos que poidan molestar aos veciños. En canto á mecánica, é un vehículo MAN, un bo equipo cun bo chasis que se complementa á perfección coa maquinaria.

Este vehículo substituirá aos de carga traseira na zona urbana e naquelas zonas das parroquias polas que poida transitar o camión. A súa adquisición enmárcase na renovación do sistema de recollida de residuos que o goberno local prevé poñer en marcha.

“Dada a importancia deste servizo para o municipio era absolutamente necesario renovar o servizo de recollida de residuos, así como a frota de vehículos, e estámolo conseguindo grazas ao traballo do equipo de Goberno para dotar aos servizos municipais de recursos necesarios”, sinalou María Iglesias, concelleira de Medio Ambiente.

O pasado mes de maio o Concello de Baiona procedeu á renovación dun total de 300 colectores para substituílos por 85 con maior capacidade e mellores prestacións. Os novos colectores teñen unha capacidade moi superior. Así, 65 son de 3.200 litros cada un e os outros 20, de 1.800 litros, o que permitiu reducir a superficie ocupada na vía pública para conseguir rúas máis transitables e reducir as barreiras visuais. Os novos colectores son de última xeración e, fabricados en exclusiva en Galicia, en polietileno, o que facilita a súa limpeza e prolonga a súa duración. Unha das principais características das unidades é que son herméticos e contan cun sistema de autopechado, polo que reducen considerablemente as molestias ocasionadas polos cheiros.

Durante oito meses, época invernal, o servizo de recollida de lixo está en funcionamento 6 días á semana, mentres que na época estival o Concello de Baiona é un dos poucos municipios que mantén activo o servizo durante todos os días do verán, sen excepción, para atender ao aumento de poboación.

O departamento de Medio Ambiente do Concello de Baiona lembra que o horario establecido para depositar o lixo é de 20:00 a 05:00 horas e que tanto establecementos privados como usuarios particulares deben depositar as bolsas, debidamente pechadas, no interior dos colectores.

“Todas estas melloras van encamiñadas a proporcionar un servizo de calidade para o cidadán e manter o municipio en condicións óptimas, polo que desde o Concello solicítase a colaboración cidadá para que o servizo sexa o máis eficiente posible”, apunta o Alcalde, Ángel Rodal.

O novo sistema de recollida de residuos de carga lateral que se reforzou coa adquisición deste innovador camión está en marcha no municipio desde fai sete meses e funciona en todas as parroquias. Sabarís e Baredo foron as zonas que estrearon en maio o modelo de retirada de refugallos orgánicos, que se foi estendendo de forma progresiva ás zonas ás que o seu tamaño permítelle acceder.

Anuncios