Fernando Fernández Penedo, máis coñecido como “Nando”, natural de Baiona aínda que na actualidade veciño da parroquia gondomareña de Borreiros, leva máis de 20 anos como afeccionado belenista. O seu primeiro Belén ocupou unha mesa de 80×80, e tras triplicar o seu tamaño xa o segundo, co paso dos anos chegou a ocupar os 20 metros cadrados do seu garaxe.
Por segundo ano consecutivo, a petición do alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, a súa espectacular recreación do Nacemento de Xesús trasládase ao corredor lateral do Auditorio Lois Tobío, para que veciños e visitantes poidan contemplalo e gozalo. “Nando” sempre di que “un Belén é para ensinalo, non para telo en casa gardado. Animo á xente que fai Belén a que abra as portas á xente”.
Nando comezou a montaxe do Belén o pasado 7 de decembro. Desde entón e ata este mesmo venres dedicou 12 horas diarias á súa construción. Os materiais que compoñen o Belén son reciclados, e grazas aos máis de 100 motores reutilizados de microondas e 800 metros de cableado consegue que os personaxes cobren vida.
Ocupa 44 metros cadrados, 24 de longo por 2 de ancho, e conta cunhas 120 figuras en movemento e máis de 200 estáticas. Este ano destaca Roma, cun castelo de 1,20x70x65, o circo romano con 84 columnas e un viaduto. Tamén está representado Belén, Nazaret e a fuxida a Exipto. Multitude de detalles con edificacións, fontes, un río, un lagar, unha destilería e unha posada, carpinteiros, ferreiros, panadeiros, lavandeiras, pescadores, un muíño, un mercado e ata un campo de bolos celta. Non falta por suposto o pesebre e os tres Reis Magos.
Este non é o único Belén que confecciona, tamén prepara o gran nacemento que ano tras ano se expón no Centro Sociocultural de Valladares, e este Nadal tamén o do Mercado de Teis.
O acceso é libre e gratuíto en horario de mañá entre as 11:00 e as 13:45 horas e en horario de tarde, entre as 17:00 e as 21:15 horas, de luns a domingo, ata o día 7 de xaneiro que se clausurará. O Belén permanecerá pechado os días 25 de decembro, 1 e 6 de xaneiro en horario de mañá, pola tarde permanecerá aberto.

