Sin categoría

Xulgan a tres homes acusados de golpear a outro no peirao deportivo de Baiona

Tres homes acusados de agredir a outro no peirao de embarcacións deportivas de Baiona sentarán no banco o vindeiro luns. O xuízo comezará ás 10:00 da mañá na Sección Quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra con sede en Vigo procedente do Xulgado de Instrución Nº 1. A fiscal solicita para A.M.A., M.B.R. E M.B.R. tres anos de prisión para cada un deles.

Segundo sinala o fiscal no escrito de acusación, os tres homes, maiores de idade e sen antecedes penais, achegáronse a F.P.C. cando se atopaba axudando a un amigo a achicar a auga da súa embarcación no peirao deportivo de Baiona e actuando de común acordo e coa intención de causar un menoscabo na súa integridade física, comezaron a agredirlle con puñadas e patadas, causándolle lesións consistentes en traumatismo en beizo superior, hematomas palpebrais bilaterais, hemorraxia nasal, fractura de tabique nasal, traumatismo en perna, sinupatía maxilar dereita, mobilidade de pezas 1, 21 e 22 e fractura de 12, 32 e 24. Ao parecer, a motivación, problemas persoais entre A. M.A. e o agredido.

Para a súa sanidade precisou de tratamento médico e cirúrxico consistente en redución de fractura nasal e taponamento, prescrición de fármaco 4-5 veces ao día, repouso relativo con cabeceira levantada, seguimento por cirurxía plástica os días 26-10-2010 e 23-11-2010, implantación de perno e coroa en peza 12 e reconstrución en pezas 32 e 24. Foron 52 días dos que 45 foron impeditivos.

Restáronlle as secuelas de deformidade (asimetría nasal con prexuízo estético) e rotura de bordo incisal de pezas 32 e 24 pendentes de reconstrución odontolóxica, rotura de prótese peza 12.

O fiscal solicita impoñer unha pena de tres anos de prisión e inhabilitación especial polo tempo da condena para cada un dos acusados, ademais dunha indemnización directa e solidariamente a F.P. nas seguintes cantidades: 2.414,7 euros polos días impeditivos, 202,16 euros polos días non impeditivos e 4.000 euros polas secuelas estéticas.

Así mesmo pide que se arquiven as actuacións en relación a F.P. por canto os propios acusados recoñecen que foron eles os que baixaron do vehículo e as lesións que presenta o acusado A.M.A. –lesión erosiva e escordadura en dedo da man- pódellas causar no ataque.